#PontevedraProvincia
Proyecto “DA TÚA MAN” no rural
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
A Deputación de Pontevedra, en liña co Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), ten como un dos principais obxectivos en materia de comercio o desenvolvemento de mecanismos para situar de maneira eficiente o territorio e xerar así unha maior competitividade no tecido empresarial da provincia , especialmente se temos en conta que os comercios de proximidade estiveron pechados ou sufriron importantes restricións de capacidade nos tempos de pandemia e confinamento, o que provocou perdas económicas irrecuperables.
Neste sentido, a Deputación de Pontevedra aprobou un plan de reactivación con motivo da pandemia provocada pola COVID-19 coa finalidade de fortalecer e impulsar a actividade de sectores estratéxicos da nosa provincia e prestarlles especial atención ao produto e comercio locais.
A execución deste plan pon sobre a mesa a necesidade de reforzar e actuar de modo específico nos municipios de menos de 5.000 habitantes, onde factores coma a dispersión xeográfica, a falta de relevo xeracional no pequeno comercio ou a fenda dixital fan necesario realizar unha actuación marco para darlles resposta ás necesidades específicas deste sector neses municipios. Por iso, tendo en conta as convocatorias de 2022 e 2023 publicadas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a Deputación de Pontevedra desenvolveu os proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), dirixidos a municipios de menos de 5.000 habitantes.
Estes proxectos non xorden de xeito illado, senón como unha actuación complementaria ao labor de apoio ao comercio local emprendido pola Deputación de Pontevedra, que, no marco do PRTR, deseñou outros dous proxectos: “Commerce Inside”, en zonas turísticas, e “Da túa man”, cunha liña para municipios de entre 5.000 e 15.000 habitantes, que foron aprobados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo na convocatoria de 2021 de apoio ao comercio.
OBXECTIVO E ÁMBITO DE ACTUACIÓN
“Da túa man” (rural I e II): visibilizar e modernizar o pequeno comercio local para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e do desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular (reducir a xeración de residuos e promover a súa reutilización e reciclaxe), así como dunha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecerlle un servizo óptimo á poboación local e que atraia visitantes.
Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e do produto de quilómetro cero para impulsar unha estratexia común que implique as comunidades locais e, da man dos concellos e da Deputación de Pontevedra, aproveitar as potencialidades e os recursos endóxenos (produtos locais, culturais e turísticos) destes termos municipais para favorecer a empregabilidade e a permanencia da veciñanza no territorio.
As actuacións levaranse a cabo en vinte e dous municipios da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior aos 5.000 habitantes:
“Da túa man” (rural I): Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro.
“Da túa man” (rural II): A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.
ACTUACIÓNS QUE SE VAN DESENVOLVER
- TRANSFORMACIÓN DIXITAL. Deseñar e lanzar campañas de comunicación en soportes dixitais para visibilizar o comercio e os produtos locais, e promocionar a imaxe do comercio de proximidade, os produtos de calidade, a sostibilidade e a economía circular, así como experiencias turísticas vinculadas ao comercio local.
- TRANSFORMACIÓN DO PUNTO DE VENDA. Adaptar a accesibilidade á contorna comercial para garantir que os municipios teñan prazas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade e delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras.
Instalar sinalética integrada corporativa próxima á área comercial, con información sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes. - SOSTIBILIDADE E ECONOMÍA CIRCULAR. Crear e promover novos deseños de embalaxe sostible e reutilizable como alternativa ao plástico e ao papel para o comercio de proximidade.
Instalar illas ecolóxicas coa subministración de contedores necesarios para separar as diferentes fraccións de residuos, dotados dun panel con información para facilitar a identificación das diferentes fraccións de residuos e embelecer a zona con plantas ou peches vexetais.
Colocar dispositivos para reciclar residuos especiais cun sistema integrado para a recollida selectiva de pequenos residuos específicos e altamente contaminantes, coma pilas, lámpadas, baterías ou residuos electrónicos. - SUBMINISTRACIÓN E RASTREXABILIDADE. Crear unha rede de comercio local para integrar os axentes que o compoñen coas e cos produtores locais e provedores afíns co fin de establecer vínculos comerciais e estreitar e fortalecer as relacións de subministración, así como a súa configuración como unha comunidade de aprendizaxe, e tamén de compartir información e a visibilización dos produtos locais a través de videoexperiencias.
- SENSIBILIZACIÓN E FORMACIÓN. Realizaranse obradoiros dirixidos ás e aos comerciantes para axudar a potenciar os negocios de proximidade mediante a formación teórico-práctica en habilidades con ferramentas dixitais e en estratexias comerciais en internet para darse a coñecer, incrementar as vendas e fidelizar o público a través da venda en liña.
Tamén se organizarán obradoiros dirixidos ás e aos comerciantes e ás persoas consumidoras para contribuír á sostibilidade da actividade mediante accións que favorezan a economía circular.
DURACIÓN E PRAZO DE EXECUCIÓN DOS PROGRAMAS
“Da túa man” (rural I): trinta meses (desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 30 de xuño de 2024) prorrogado ata o 31 de decembro de 2024; o Ministerio notificoulle á Deputación de Pontevedra a resolución de concesión da axuda o 27 de febreiro de 2023.
“Da túa man” (rural II): dezaoito meses (desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de xuño de 2024) prorrogado ata o 31 de decembro de 2024; o Ministerio comunicoulle á Deputación de Pontevedra a resolución de concesión da axuda o 3 de novembro de 2023.
IMPORTE E FINANCIAMENTO DOS PROXECTOS
Distribución da achega | “Da túa man” (rural I) | “Da túa man” (rural II) |
---|---|---|
Achega do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (80 % orzamento financiable) |
499.972,00 € | 500.000,00 € |
Achega da Deputación de Pontevedra (20 % orzamento financiable) |
124.993,00 € | 0,00 € |
TOTAL | 624.965,00 € (*) | 500.000,00 € |
(*) A Deputación de Pontevedra fai unha achega a maiores, con fondos propios, de 159.940,00 € para a xestión do proxecto.
ADHESIÓN Á REDE DE COMERCIO LOCAL MOVE
Move é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e dos concellos adheridos para crear unha rede de comercio local na provincia, onde as persoas comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos con produtores e provedores locais.
Trátase dunha xanela para darse a coñecer, para compartir e para establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio. Terás a posibilidade de contar a historia do teu negocio impulsando o consumo de produtos de calidade, de proximidade e de quilómetro 0.
- Bases (BOPPO 09/04/2024)
- Tramitación en sede.depo.gal
- Folleto (pdf)
- Aprobación do listado para a rede do comercio local MOVE (15/07/2024)
- Ampliación dos códigos IAE das bases polas que se regula o procedemento e condicións para a adhesión (BOPPO 06/11/2024)
- Bases para a ahdesión á rede de comercio Local MOVE (11/11/2024)