Servizo de Administración electrónica para concellos

#PontevedraProvincia

Administración electrónica

para concellos

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas regula o dereito da cidadanía a relacionarse coas distintas administracións públicas do Estado español a través de medios telemáticos. Para asegurar este dereito establécese a obriga das administracións públicas e, por conseguinte, de todos os concellos da provincia de Pontevedra de prover os medios necesarios para facilitar este modo de interacción coa cidadanía.


A maioría dos concellos da provincia carece de recursos propios suficientes para afrontar con éxito os requisitos que se establecen nesta lei. En previsión desta circunstancia a Deputación de Pontevedra puxo en marcha un servizo de Administración electrónica para os concellos da provincia con menos de 40.000 habitantes.

Este servizo préstase en modalidade SaaS (Software as a Service), é dicir, na nube, de maneira que os concellos non teñan que asumir custo ningún de instalación ou dotación de infraestrutura hardware ou software derivada do uso do servizo.

O proxecto de Administración electrónica para concellos contempla o seguinte alcance:

  • A implantación, parametrización e posta en marcha de todos os módulos que forman parte do servizo de Administración electrónica. Desta maneira porase a disposición do persoal técnico dos concellos unha xestión electrónica de expedientes e unha sede electrónica para a cidadanía
  • A xestión do cambio mediante un plan de aprendizaxe dos aspectos técnicos e funcionais da nova ferramenta para a súa posta en funcionamento, orientado a un correcto plan de comunicación e formación
  • Un soporte ao usuario que resolva aquelas consultas derivadas da operatoria e explotación das aplicacións, tanto por vía telefónica coma telemática ou asistencia presencial
  • Servizos de mantemento correctivo, evolutivo e perfectivo que garantan a corrección de incidencias e a actualización e inclusión de novas funcionalidades