A Deputación xestiona máis de 800.000 euros para modernizar os concellos da provincia e facerlle fronte ao reto demográfico no medio rural

A institución provincial inicia os trámites para contratar a plataforma de videoactas e retransmisión de plenos e o portal de transparencia para concellos de menos de 20.000 habitantes, así como illas ecolóxicas e dispositivos de reciclaxe para 11 municipios

27/10/2023

Luis López

A Deputación de Pontevedra continúa avanzando para modernizar os concellos da provincia e para facerlle fronte ao desafío do reto demográfico no medio rural cunha nova inxección económica de máis de 800.000 euros. Nesta ocasión, como informou en conferenciade prensa o presidente provincial, Luis López, acaban de aprobarse os trámites para contratar a plataforma de videoactas e retransmisión de plenos e o portal de transparencia para concellos de menos de 20.000 habitantes, así como para a instalación de illas ecolóxicas e dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais nos concellos que forman parte do proxecto “Da túa man (rural)”. Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou as bases para seleccionar as persoas participantes e influencers que participarán no proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a sociedade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. “A nosa vontade é situar os concellos como protagonistas. Estámolo facendo semana tras semana con feitos e con recursos”, asegurou o presidente da Deputación.

Ao abeiro do proxecto de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, do que se benefician un total de 50 municipios da provincia e que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros de fondos europeos, a Xunta de Goberno deu luz verde para contratar unha plataforma de videoactas e retransmisión de plenos para 36 concellos, cun orzamento base de 600.000 euros. Ademais, hai uns días aprobouse a contratación do deseño e posta en marcha dun portal de transparencia para que 26 concellos da provincia poidan dispoñer dunha ferramenta que permita incrementar a transparencia municipal e mellorar a satisfacción do contribuínte, cun orzamento de 55.000 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para dúas actuacións do proxecto “Da túa man (rural)” para o apoio do comercio en zonas rurais, que conta cunha axuda de 500.000 euros dos fondos NextGeneration. En concreto, cun orzamento de 130.000 euros contrataranse as actuacións relativas á instalación de illas ecolóxicas con contedores de lixo en Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. Ademais, instalaranse dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais para o fomento da economía circular e a sustentabilidade, neste caso en Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro, cun orzamento de 50.000 euros.

Hub para a loita contra a fenda dixital

O presidente da Deputación tamén informou dos avances no marco do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, que se está a desenvolver na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Ao abeiro deste programa vaise impartir unha formación dirixida a capacitar persoas maiores de 50 anos en competencias dixitais, para que poidan xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital. Por iso, a Xunta de Goberno aprobou as bases para a selección das e do participantes e influencers que formarán parte del.

Por unha banda, as e os alumnos, que se seleccionarán por concello ata un máximo de 50 por cada un, teñen que ser persoas nacidas con anterioridade ao 1973 ou maiores de 18 no caso de que acrediten algunha discapacidade, presten servizos de axuda a domicilio ou acrediten a condición de persoa coidadora con maiores ao cargo. Pola outra, as e os influencers serán persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras persoas, que demostrarán en primeira persoas os beneficios do uso de ferramentas dixitais. Seleccionaranse un máximo de 5, e, nun prazo que se estima sexa entre febreiro e maio, desenvolveranse sete accións formativas de cinco horas en cada un dos concellos que versarán sobre a administración electrónica, o Sergas en liña, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos, entre outras.

 

audios