A Deputación de Pontevedra volve a ser referente no estado na implantación da Administración Electrónica

No 2022 foi a sexta Deputación que máis axudou á cidadanía e ás empresas logrando que aforrasen ata 1,2 millóns de euros nas súas relacións coas administracións

01/02/2023

A firme aposta do goberno da Deputación pola implantación da Administración electrónica segue a dar os seus froitos. Os datos do Observatorio de Administración Electrónica do 2022 da Secretaría Xeral de Administración Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que recolle o emprego das ferramentas e sistemas de información das institucións públicas do Estado, veñen de poñer de manifesto, unha vez máis, que a Deputación de Pontevedra é referente no Estado en canto á implantación da Administración Electrónica, converténdose na sexta que máis aforra á cidadanía e na primeira co maior número de servizos intermediados.

Segundo o estudo do Ministerio de Asuntos Económicos, grazas ás aplicacións da Administración electrónica, a Deputación de Pontevedra entre cabidos, mancomunidades e institucións provinciais de toda España é a sexta entidade local que máis contribúe ao aforro da cidadanía e empresas nas súas relacións coas administracións. O aforro, segundo a metodoloxía de cálculo aprobada, estímase en 1.200.000 euros que serían os recursos que a cidadanía tería que gastar, tanto económicos como de tempo, se a Deputación non tivese apostado pola implantación de ferramentas de administración electrónica e fose obrigatorio achegar a diferente documentación á institución.

Ademais, segundo o mesmo informe, a institución provincial pontevedresa sitúase como a sexta de España en canto aos datos relativos ao uso da plataforma de intermediación, con máis de 227.273 consultas. Tamén é a primeira de todo o Estado que conta co maior número de servizos intermediados, con ata 34 diferentes o que se traduce en máis facilidades para a cidadanía, que non ten que aportar información que ten sido xa facilitada previamente á administración como a relativa á consulta de residencia, aos datos fiscais ou á identificación (DNI).