A Deputación organiza esta fin de semana tres novos concertos do ciclo Entradiñas de Aninovo nos concellos de Sanxenxo, A Estrada e Dozón
As actuacións forman parte dun programa provincial que leva un repertorio clásico, tradicional e popular de Nadal a espazos culturais e patrimoniais da provincia
26/12/2024
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana, entre o sábado 28 e o domingo 29 de decembro, tres novos concertos en Sanxenxo, A Estrada e Dozón enmarcados no programa provincial Entradiñas de Aninovo. Este ciclo de 17 concertos en espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia está composto por un repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia, e estase a celebrar ao longo do territorio provincial desde mediados de decembro ata mediados de xaneiro.
Os concertos desta fin de semana comezan o sábado 28 en Sanxenxo da man de Tolemia´s Consort, que actuarán ás 20:30 horas na Igrexa Novo Templo. Este grupo vocal de oito compoñentes, contando coa súa directora, Sonia Bouzada, naceu no viveiro do Coro do Liceo Casino de Vilagarcía e fixo o seu debut en Vilanova de Arousa, en xaneiro de 2020.
As actuacións continúan o domingo 29 da man da Banda de Gaitas da provincia de Pontevedra, que actuará no Teatro Principal da Estrada ás 19:30 horas e ofrecerá o seu traballo a prol da valorización, o respecto e a transmisión interxeracional tanto da música coma da tradición galega, e da procura da riqueza musical da gaita, da zanfona e da percusión. Tamén o domingo, ás 17:00 horas na nave do polígono industrial de Dozón, terá lugar o concerto da Banda de Música Municipal de Agolada, cunha actuación do seu ensemble de vento e percusión.
O ciclo Entradiñas de Aninovo inclúe actuacións de María do Ceo (en Mondariz e A Guarda), do coro Gli Appassionati (en Arbo e Ponteareas), da Banda de Música Municipal de Agolada (en Agolada, Portas e Dozón), de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro (en Portas e Oia), a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra (na Estrada e Baiona), Tolemia’s Consort (en Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa), Dania Diva (na Lama) e o Ballet de Galicia (en Bueu, Valga e Ribadumia). Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas pola Deputación de Pontevedra durante o Nadal no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping, un xogo de escapismo e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais).