A Deputación adxudica as preto de 3.000 prazas para participar no programa Lecer en Familia

O programa ten un orzamento total de 280.000 € para que os fogares con menores da provincia gocen de estancias en establecementos hoteleiros con actividades socioculturais

28/12/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a relación das 2.956 persoas que participarán no programa provincial Lecer en Familia. No marco desta iniciativa, unha das grandes novidades do ano na área de Benestar Social da institución provincial, a Deputación financia estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros da provincia das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.

A Deputación resolveu a convocatoria de Lecer en Familia con grande éxito, e ás preto de 3.000 persoas que participarán inicialmente no programa súmanselle outras máis de 4.000 (4.371) que pasan a formar parte dunha lista de agarda. Os participantes iniciais son veciños de 52 concellos da provincia: Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada,  Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Lecer en Familia busca reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia en 12 establecementos de 7 concellos da provincia (Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Baiona e Moaña) entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. Neles, mellórase a estadía coa oferta de actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada establecemento) ou o acceso aos seus circuítos termais. Ademais de potenciar a calidade de vida as familias, o programa tamén busca potenciar o sector turístico da provincia de Pontevedra.

Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías realizaranse en temporada baixa, con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.