Luis López presenta “Lecer en Familia”, unha ferramenta pioneira para potenciar a calidade de vida das familias e o sector turístico da provincia en tempada baixa
O presidente provincial, acompañado polos deputados Sandra Bastos e Marcos Guisasola, dá a coñecer as condicións dun programa que subvenciona con 180.000 euros case 3.000 prazas en 12 talasos e hoteis de 7 concellos da provincia para familias
31/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a coñecer unha ferramenta novidosa e pioneira para mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade turística das Rías Baixas en tempada baixa a través dun investimento de 180.000 euros para financiar estancias de unidades familiares en balnearios, talasos, spas ou hoteis da provincia. Trátase do programa Lecer en Familia, un novo impulso do goberno provincial ao benestar e ao turismo que foi presentado este xoves polo mandatario provincial na taberna do Gran Talaso Hotel Sanxenxo, un dos doce establecementos, pertencentes a sete concellos, que se adheriron a este proxecto. “Falamos dunha iniciativa que busca apoiar ás familias con menores poñendo á súa disposición unha fin de semana de relax e aos establecementos hoteleiros da provincia”, sinalou Luis López nun acto de presentación no que participaron es deputados Sandra Bastos e Marcos Guisasola, así como o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e o director do Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Óscar Fontán.
A Deputación pon á disposición das familias da provincia un total de 2.957 prazas, das que o organismo provincial financia 60 euros do custo, polo que cada beneficiario só terá que abonar 30,80 euros. Con todo, contémplanse tres excepcións. Os menores de 12 anos pagarán só 15,40 euros, mentres que para os menores de dous anos será gratuíto. Do mesmo xeito, resérvanse 50 prazas en réxime especial, para aquelas persoas que reciban a axuda do Risga ou o Ingreso Mínimo Vital tamén será gratuíto. Para ser beneficiario destas axudas é necesario formar parte dunha unidade familiar con menores a cargo e que teñan a residencia fixada na provincia de Pontevedra.
Os interesados poderán facer as súas reservas nalgún dos 12 establecementos adheridos ao programa, que pertencen aos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Lalín, Baiona e Moaña; a través da Sede Electrónica da Deputación a partir do 8 de novembro, cando está previsto que se publiquen as bases do programa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. No caso de que a demanda supere á oferta, a concesión de prazas realizarase por sorteo.
“Estar hoxe neste Concello de Sanxenxo, a capital do turismo nas Rías Baixas; neste Gran Talaso Hotel, que tantas experiencias 100 % Rías Baixas ofrece a hóspedes de todo o mundo; para presentar un programa para mellorar a saúde e a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade económica e o turismo en tempada baixa confirma que vivimos nunha provincia extraordinaria”, afirmou o presidente Luis López aludindo ao mesmo lema empregado esta mesma semana na presentación do Orzamento do ano 2025.
Estas contas, que con 209 millóns de euros sitúanse como as máis altas da historia do ente provincial, reforzan áreas estratéxicas como o Turismo ou o Benestar Social. “Falamos dun orzamento que impulsa sectores como o turismo, cuxa partida medra un 8%, e que servirá para avanzar na consolidación desestacionalización e internacionalización do destino e fortalecer un dos nosos grandes atractivos como son os balnearios, talasos, spas e hoteis”, salientou o mandatario provincial, quen se referiu tamén ao incremento dos investimentos na área de Benestar Social. “Medra nun 6 %, para facer realidade iniciativas como o programa +Benestar ou este novidoso Lecer en Familia”, remarcou López destacando o labor da deputada Sandra bastos e do seu equipo para impulsar este tipo de programas.
Rematou o presidente da Deputación a presentación deste programa “convidando” a toda a provincia a participar neste programa e poñendo en valor a calidade dos establecementos hoteleiros da provincia, “responsables tamén do bo nome que teñen as Rías Baixas en todo o mundo”, concluíu Luis López.