Luis López informa de melloras no novo programa Lecer en Familia, co que a Deputación oferta estancias en establecementos hoteleiros da provincia para reforzar lazos familiares
O programa ten un orzamento total de 280.000 €, dos que a institución provincial financiará 180.000, e as persoas usuarias cofinanciarán o resto
20/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe unha serie de melloras no programa Lecer en Familia, unha das grandes novidades deste 2024 nas súas políticas de benestar. “Queremos facer o contrato máis atractivo, para que o sector e os fogares da provincia poidan desfrutar destas estancias de fin de semana nas mellores condicións”, explicou López. Desta maneira, o programa ofertará 2.957 prazas para que as familias con menores ao seu cargo poidan desfrutar de estancias en establecementos hoteleiros da provincia.
“Este programa busca reforzar lazos familiares nun ambiente de convivencia”, explicou o presidente provincial. Das case 3.000 prazas ofertadas 50 serán en réxime especial, subvencionadas ao 100% con preto de 100 €, e as outras 2.900 son de réxime xeral e estarán subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos; 30 € para cativos de 3 a 12 anos e ao 100% para os menores de 3 anos. O programa desenvolverase en tempada baixa e as estancias serán dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou véspera de festivo.
Ademais, como novidade ampliase a oferta de establecementos hoteleiros dende spas, balnearios e talasos a todo tipo de hoteis de zonas urbanas ou rurais, nos que se poderá mellorar a estadía coa oferta de actividades socioculturais ou acceso a circuítos termais. Tamén se inclúe a posibilidade de organizar un concurso de fotografía para as familias, co fin de facer máis interactiva a experiencia.
Unha vez contratada a empresa, publicaranse as bases do programa e, despois, abrirase o prazo para que as familias poidan inscribirse no programa, algo que sucederá nos vindeiros meses.