A Deputación celebra mañá en Vigo a última das rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra

O programa chega á cidade olívica coas 25 prazas cubertas despois de pasar por Nigrán, Baiona, Tui, A Toxa e Mondariz-Balneario

29/07/2024

A Deputación de Pontevedra celebra mañá, 30 de xullo, en Vigo a última das rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO), coa que está a deseñar un modelo de desenvolvemento urbano e rural para ser unha provincia máis sustentable, resiliente, inclusiva e segura. Desta maneira, o programa chega á cidade olívica despois de pasar por Nigrán, Tui, A Toxa e Mondariz-Balneario ao longo das últimas dúas semanas.

A visita por Vigo, que dará comezo na Aduana, fará un percorrido histórico e arqueolóxico das orixes da industria conserveira da cidade, que foi o motor de industrialización desde o século XIX coa Revolución industrial. Desta maneira, o itinerario permitirá descubrir as historias e os lugares nos cales se protagonizaron estas revolucións económicas e sociais arredor da riqueza da ría para comprender mellor a historia da cidade como motor económico de Galicia.

A ruta dará comezo ás 10:30 horas, terá unha duración aproximada dunha hora e media e será conducida por un guía con experiencia. As persoas beneficiaras deberán desprazarse ata o punto de arranque establecido polos seus propios medios e é recomendable leva roupa e calzado cómodo.

Enlaces de interés