A Deputación pecha este domingo na Guarda as rutas ornitolóxicas do 2024 do programa Voando nas Rías Baixas
Na actividade, impulsada polo organismo provincial da man de SEO/BirdLife, poderanse observar as aves que habitan no esteiro do río Miño
16/11/2024
A Deputación de Pontevedra pecha este domingo na Guarda as rutas ornitolóxicas do 2024 do programa Voando nas Rías Baixas, con todas as prazas esgotadas. A última actividade do programa deste ano, impulsada polo organismo provincial da man de SEO/BirdLife, permitirá observar as aves que habitan no esteiro do río Miño, un espazo protexido pola Rede Natura 2000 que conta cunha gran diversidade de hábitats.
No inverno e nos pasos migratorios é posible observar no esteiro do río Miño aves acuáticas e mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías), a variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos, mergullóns e tamén aves mariñas como os carráns cristados. Así mesmo, tamén é posible ver aves rapaces, das que destacan a tararaña das xunqueiras, o lagarteiro común e a aguia pescadora, da que se sobresae a súa espectacular forma de pescar.
O percorrido polo esteiro do Miño será ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife e inclúe o desprazamento en autobús para a visita da zona na que ten lugar a actividade. As persoas participantes deberán levar roupa cómoda e calzado apropiado, e terán á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, recibirán cadansúa guía.
O programa “Voando nas Rías Baixas” contemplou en 2024 un total de sete percorridos por espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexido pola Rede Natura 2000. Tratáronse, ademais deste último que terá lugar este domingo na Guarda, da foz da Ramallosa e praia América (Nigrán), do esteiro do río Lérez e o espazo intermareal Combarro Lourido (Pontevedra-Poio), das ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), da serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), da praia da Lanzada (Sanxenxo e O Grove) e dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo).