A Deputación leva este domingo ata A Lanzada o seu programa “Voando nas Rías Baixas”

A ruta impulsada da man de SEO/BirdLife permitirá observar aves na contorna da praia, entre os concellos do Grove e Sanxenxo

20/06/2024

A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata A Lanzada o seu programa “Voando nas Rías Baixas”, que esgotou en seis minutos as 25 prazas dispoñibles para gozar deste percorrido. Esta quinta ruta ornitolóxica da institución provincial, impulsada da man de SEO/Birdlife, permitirá avistar as aves que habitan na contorna desta praia, entre os concellos do Grove e Sanxenxo.

A Lanzada é un dos últimos redutos da provincia de Pontevedra onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Grazas a esta actividade de observación, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras cos seus paxariños corricando pola area. Ademais, tamén se explicará ás persoas participantes os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos areais das Rías Baixas.

O percorrido será ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, e inclúe o desprazamento en autobús para a visita da zona na que ten lugar a actividade. As persoas participantes deberán levar roupa cómoda e calzado apropiado, e terán á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, recibirán cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” retomará a súa actividade despois do verán coas últimas dúas rutas ornitolóxicas organizadas este ano por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e, en novembro, no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.