A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na sexta ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”

A ruta, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 29 de setembro e permitirá observar aves na contorna dos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo

15/09/2024

A Deputación de Pontevedra abre este luns 16 de setembro, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar na sexta ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas”. Esta nova actividade impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife terá lugar o domingo 29 de setembro nos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo. As solicitudes permanecerán abertas ata o 21 de xuño  ás 12:00 horas ou ata completar a capacidade (25 prazas).

As lagoas de Rouxique son un espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que conviven os campos de labranza coas antigas lagoas de extracción de barro. No outono, nesta ruta destacan os pasos migratorios de paxaros coma o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical. Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato frisado, o rabilongo, o asubión, o cullerete, etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno, algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras, e os cullereiros, garzas e gran variedade de limícolas da contorna.

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase anotar a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes. O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais dos cinco percorridos xa realizados e este polos campos e lagoas de Rouxique, unha última ruta ornitolóxica por outro espazo da provincia de alto valor ecolóxico e protexido pola Rede Natura 2000: será en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.