A Deputación mobilizou este ano preto de 200 persoas nas rutas ornitolóxicas de Voando nas Rías Baixas

O programa de observación de aves, impulsado en colaboración de SEO/BirdLife, esgotou todas as prazas dispoñibles para os percorridos en sete espazos naturais da provincia

18/11/2024

voando nas rias baixas 2024

A Deputación de Pontevedra pechou unha nova edición do programa Voando nas Rías Baixas cun grande éxito, conseguindo esgotar todas as prazas dispoñibles para participar nas sete rutas ornitolóxicas programadas, cunha participación total de preto de 200 persoas. En colaboración con SEO/Birdlife, o obxectivo de Voando nas Rías Baixas é promover as potencialidades do destino en materia de observación de aves e concienciar sobre a responsabilidade de conservar o medio natural.

Todas as rutas de Voando nas Rías Baixas tiveron lugar en zonas de alto valor ecolóxico, que na súa gran maioría contan con figuras de protección como a Rede Natura 2000. A programación comezou na foz da Ramallosa e praia América (Nigrán), onde puideron observar limícolas como mazaricos, biluricos ou pilros, e unha ampla variedade de garzas ou gaivotas. A ela seguiulle o esteiro do río Lérez e o Complexo Intermareal de Combarro-Lourido (en Pontevedra e Poio), onde se adoitan ver a píllara cincenta e a real, o virapedras, o mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande.

Nas ribeiras do río Umia (en Ribadumia e Cambados) mesturáronse aves comúns no bosque de ribeira (papuxa das amoras, pimpín común, subeliño común ou ferreiriño) e nas paisaxes agrícolas (o xílgaro, o tordo común, a bubela, a andoriña común e dáurica) e tamén aves acuáticas (garzas, gaivotas, patos ou corvos mariños). A serra do Suído (na Lama, Fornelos de Montes e Covelo) é famosa pola presenza de aves rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Na praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) nidifica a píllara das dunas, unha ave protexida que se enfronta a un risco moi alto de extinción por mor dos problemas que atopa para reproducirse con éxito nos areais das Rías Baixas.

As lagoas de Rouxique (Sanxenxo) son durante o outono un espazo de pasos migratorios como o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical, ademais de hábitat de aves acuáticas das lagoas, a galiñola negra, o mergullón pequeno e mesmo algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras. O último percorrido celebrouse no esteiro do río Miño (na Guarda), onde nesta época do ano pódense observar aves acuáticas e mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Tamén é posible ver aves rapaces, das que destacan a tararaña das xunqueiras, o lagarteiro común e a aguia pescadora.

Todas as actividades do programa da Deputación foron ofrecidas por guías de ornitoloxía de SEO/Birdlife. As persoas participantes tamén tiveron á súa disposición prismáticos, dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas e mais cadansúa guía.

Galerias de imagenes