A Deputación abre este luns o prazo para que os centros especiais de emprego da provincia soliciten as axudas do proxecto “+Emprega”
O proxecto, dotado de 60.000 euros, subvencionará os custos do persoal dos centros que faciliten a integración das persoas con discapacidade no mercado laboral
11/08/2024
A Deputación de Pontevedra abre mañá, 12 de agosto, o prazo para que os centros especiais de emprego da provincia soliciten axudas ao abeiro do programa “+Emprega en centros especiais de emprego”, unha iniciativa centrada na inclusión laboral das persoas con discapacidade. Cun orzamento de 60.000 euros, a institución provincial financiará os custos de persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación e dirección nestes centros, sempre que acrediten documentalmente a contratación de persoas con discapacidade con data anterior á publicación das bases.
A través desta nova liña de axudas a Deputación apoia o funcionamento dos centros que faciliten a integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo para fomentar o seu acceso ao emprego ordinario, o mantemento deste emprego, a mellora da súa empregabilidade ao longo do ciclo laboral e o seu desenvolvemento profesional. Deste xeito, a Deputación fomenta a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego neste tipo de centros da mencionada provincia.
No marco de “+Emprega en centros especiais de emprego”, a Deputación subvencionará os custos salariais das unidades de apoio, con contratos formalizados tanto antes como despois da publicación das bases. Cada centro unicamente recibirá unha subvención dun máximo de 15.000 euros, que serán outorgados en concorrencia competitiva tendo en conta a media de persoas con discapacidade contratadas no centro. Deste xeito, as axudas poderán chegar a 15.000 euros acreditando a contratación de máis de 50 persoas traballadoras con discapacidade, e reducirase proporcionalmente ata un máximo de 3.500 euros pola contratación de 10 ou menos. Entenderase por persoas discapacitadas aquelas con parálise cerebral, enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de recoñecido igual ou superior ao 33%, e persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao recoñecido igual ou superior ao 65%.
Os centros terán desde mañá, 12 de agosto, 15 días hábiles (ata o día 2 de setembro) para presentar as súas solicitudes a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles, requisitos e a documentación requirida.
Esta semana a Deputación tamén publicou as bases de “+Emprega nos concellos”, dotado de 2,1 millóns de euros para que 128 mozos teñan unha primeira experiencia laboral con contratos formativos nos concellos da provincia de Pontevedra.