A Deputación abre este mércores o prazo para que os concellos da provincia soliciten contratos formativos ao abeiro do novo proxecto “+Emprega nos concellos”
O proxecto desenvolverase entre 2024 e 2025 e promoverá a 128 mozos a posibilidade ter unha primeira experiencia laboral nos concellos de menos de 50.000 habitantes
06/08/2024
A Deputación de Pontevedra abre mañá, 7 de agosto, o prazo para que os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes soliciten contratos formativos ao abeiro de “+Emprega nos concellos”. O novo proxecto, que conta cun orzamento de 2,1 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, busca dotar a mozos desempregados dunha primeira experiencia profesional. Esta iniciativa, que se pon en marcha o abeiro do novo programa “+Emprega”, aprobado hai unhas semanas, busca promover a inclusión social, así como o desenvolvemento económico e social da provincia, a través da mellora da empregabilidade dos cidadáns.
En concreto, o proxecto incluirá 128 contratacións laborais baixo a modalidade de contrato formativo nos concellos de menos de 50.000 habitantes que se repartirán da seguinte maneira: os doce concellos con ata 3.000 habitantes terán á súa disposición un contrato; os 25 de 3.001 a 10.000, un máximo de dous, e os 22 de 10.001 a 50.000, poderán solicitar ata tres.
En canto á contía máxima da achega que se concederá por cada contrato formativo, dependerá do nivel de estudio. No caso dos postos que requiran licenciatura, grao ou diplomatura, o máximo mensual será de 1.400 euros, 16.800 euros anuais; nos ciclos superiores de Formación Profesional, de 1.200 € ao mes e 14.400 € ao ano, e para os ciclos medios de Formación Profesional 1.000 € ao mes e 12.000 anuais. En calquera caso, o salario non poderá ser inferior ao 70 % para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente ao nivel de estudos e funcións desempeñadas.
Os concellos terán desde mañá, 7 de agosto, 10 días hábiles (ata o día 21) para presentar as súas solicitudes a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles, requisitos e a documentación que é necesario achegar.