Luis López anuncia que +Emprega permitirá a máis de 70 mozos da provincia ter unha primeira experiencia laboral en 35 concellos da provincia
O proxecto desenvolverase entre 2024 e 2025 e os concellos de menos de 50.000 habitantes recibirán axudas entre 12.000 e 50.000 euros para as contratacións, que terán unha duración máxima dun ano
27/09/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno provincial aprobou a relación de concellos da provincia que se beneficiarán do proxecto +Emprega que, cun orzamento de 1,1 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, busca dotar a mozos desempregados dunha primeira experiencia profesional.
En concreto, a iniciativa, que forma parte do novo programa +Emprega, permitirá que 35 concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar 72 contratos formativos. O obxectivo é promover a inclusión social, así como o desenvolvemento económico e social da provincia, a través da mellora da empregabilidade dos cidadáns. “Seguimos sumando e avanzado con proxectos para fomentar o emprego que supoñen, tamén, mellorar a calidade da vida da veciñanza de Pontevedra. Esta é a maneira de que a provincia siga indo a máis”, asegurou Luis López.
Os 35 concellos beneficiarios desta iniciativa, A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Covelo, Crecente, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Ponteareas, Pontecesures, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, recibirán axudas que irán dos 12.000 aos máis de 50.000 euros, segundo o número de contratacións e o nivel de estudo das persoas contratadas.
Deste xeito, dos 72 contratos formativos que se realizarán nos concellos, 42 serán para persoas cunha licenciatura, grao ou diplomatura; 19 para aquelas con ciclos superiores de Formación Profesional e 11 para as que rematasen ciclos medios. No relativo aos concellos, cinco teñen menos de 3.000 habitantes e van contratar a unha persoa; 16 teñen entre 3.000 e 10.000 habitantes e deles, 12 van contratar a dúas persoas e catro a unha, e dos 14 concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes, 12 van contratar a tres persoas, un a dúas e outro a unha.
A partir de agora, tal e como explicou o presidente da Deputación, comeza a segunda fase deste proxecto, que consiste na selección das persoas beneficiarias destes contratos formativos, que deberán comezar o 1 ou o 15 de novembro deste ano. Os concellos serán os encargados das contratacións, ben a través do Servizo Público de Emprego ou das súas propias convocatorias.