A Deputación ultima o prazo para que os centros especiais de emprego da provincia soliciten as axudas do proxecto +Emprega

O proxecto está dotado de 60.000 euros e permitirá custear o persoal dos centros que faciliten a integración das persoas con discapacidade no mercado laboral

27/08/2024

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para que os centros especiais de emprego da provincia soliciten as axudas do programa +Emprega en centros especiais de emprego, aberto ata o próximo luns 2 de setembro. Esta iniciativa, centrada na inclusión laboral das persoas con discapacidade, conta cun orzamento de 60.000 euros para sufragar os custos do persoal das súas unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación e dirección nestes centros, sempre que acrediten documentalmente a contratación de persoas con discapacidade con data anterior á publicación das bases.

Esta nova liña de axudas supón un apoio da Deputación ao funcionamento dos centros da provincia que faciliten a integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo, para fomentar o seu acceso ao emprego ordinario, o mantemento deste emprego, a mellora da súa empregabilidade ao longo do ciclo laboral e o seu desenvolvemento profesional.

No marco de +Emprega en centros especiais de emprego, a Deputación subvencionará os custos salariais das unidades de apoio, con contratos formalizados tanto antes como despois da publicación das bases. Cada centro recibirá unha subvención dun máximo de 15.000 euros, outorgados en concorrencia competitiva tendo en conta a media de persoas con discapacidade contratadas. Deste xeito, as axudas poderán chegar ao máximo se acreditan a contratación de máis de 50 persoas traballadoras con discapacidade, e reducirase proporcionalmente ata un máximo de 3.500 euros pola contratación de 10 ou menos. Entenderase por persoas discapacitadas aquelas con parálise cerebral, enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de recoñecido igual ou superior ao 33%, e persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao recoñecido igual ou superior ao 65%.

A presentación de solicitudes pódese realizar a través do formulario dispoñible na sede electrónica. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles, requisitos e a documentación requirida.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.