A Deputación leva ao alumnado de Nigrán os obradoiros de sensibilización do programa Ateneo pola Igualdade

Estudantes do IES Escolas Proval asistirán este mércores 26 de marzo a unha acción formativa cunha dinámica tipo trivial centrada na educación sexual

23/03/2025

A Deputación de Pontevedra leva este mércores 26 de marzo a Nigrán os obradoiros de sensibilización para centros de ensino incluídos no novo programa provincial Ateneo pola Igualdade. A través desta iniciativa, que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes baseándose na investigación e na divulgación con perspectiva de xénero, o alumnado do IES Escolas Proval asistirá a unha acción formativa para reflexionar arredor da igualdade.

En concreto, o obradoiro leva por título “Canto sabes de educación sexual?” e afondará no ámbito de sexualidade, onde se reproducen dunha forma máis drástica os padróns tóxicos e perigosos relacionados co sexismo. Esta actividade busca fortalecer o pensamento crítico sobre as relacións afectivo-sexuais e os estereotipos, fomentar prácticas de consentimento e relacións respectuosas. Para iso, o trivial incluirá cuestións relacionadas cos roles, a diversidade sexual ou mitos sobre a sexualidade e boas prácticas nas redes sociais.

Ateneo pola Igualdade é un programa itinerante cunha programación ampla e variada baseada en tres alicerces, o coñecemento, a creación e o progreso, e dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).

A actividade organízase baixo o paraugas de Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.