A Deputación leva ao alumnado de secundaria de Vigo os obradoiros de sensibilización do programa Ateneo pola Igualdade

Estudantes do IES Santa Irene e do IES do Castro asistirán a accións formativas que porán o foco na educación sexo-afectiva

19/03/2025

A Deputación leva este venres 21 de marzo a Vigo os obradoiros de sensibilización para centros de ensino incluídos no novo programa provincial Ateneo pola Igualdade, coincidindo coa posta en marcha da campaña Malabares ata cando? co gallo do 8 de marzo. A través desta iniciativa, que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes baseándose na investigación e na divulgación con perspectiva de xénero, o alumnado do IES Santa Irene e do IES do Castro asistirá a sendas accións formativas para reflexionar arredor da igualdade.

En concreto, o alumnado do IES Santa Irene participará no obradoiro “A caixa coas mensaxes”, no que se lles explicará que a sexualidade é algo que temos todas as persoas durante toda a vida, do que se desprenden unhas vivencias e unha expresión do desexo únicas en cadaquén. A acción levará á reflexión sobre que é a educación sexo-afectiva e responderá as preguntas do alumnado, cun enfoque feminista que favoreza as relacións afectivo-sexuais sas e pracenteiras, que non perpetúen estereotipos machistas.

Pola súa parte, os e as rapazas do IES do Castro asistirán a “Canto sabes de educación sexual?”, un obradoiro con formato trivial que busca reflexionar sobre temas de educación sexual nun ambiente lúdico e achegará ao alumnado algunhas propostas para influír no seu autocoñecemento, na súa autoestima, nos seus vínculos e relacións sexuais desde o desexo mutuo e o consentimento activo.

Ateneo pola Igualdade é un programa itinerante cunha programación ampla e variada baseada en tres alicerces, o coñecemento, a creación e o progreso, e dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).

As actividades en Vigo organízase baixo o paraugas de Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.