A Deputación leva este domingo a Campo Lameiro unha actuación de De Vacas no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial forma parte do cartel da XIII Festa dos Mozos de Campo Lameiro

29/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de De Vacas que se celebrará este domingo 1 de setembro a partir das 20:30 horas na Praza do Concello de Campo Lameiro. Con este programa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

De Vacas (Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández) levarán a Campo Lameiro o seu espectáculo “Rebovina Divas Live”, no que fan un repaso pola memoria da cultura popular e, concretamente, por divas do pop como Whitney Houston, Céline Dion, Mónica Naranjo, Beyoncé ou Britney Spears que acompañaron toda unha xeración de rapazas e rapaces. O seu sinal de identidade, as súas adaptacións con harmonías vocais e letras cargadas de humor, fixo a banda acadar recoñecementos como un Premio Martín Codax da Música ou a distinción de espectáculo recomendado pola Rede Española de Teatros e Auditorios.

O concerto de De Vacas forma parte da programación da XIII Festa dos Mozos de Campo Lameiro, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.