A Deputación leva este domingo a Dozón unha actuación de Ortiga no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial comezará ás 19:30 horas na área recreativa da Pena de Francia

29/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Ortiga que se celebrará este domingo 1 de setembro ás 19:30 horas na área recreativa da Pena de Francia, en Dozón. Con este programa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Ortiga conta cunha estética diferenciada, caracterizada por unha expresión musical moi ampla. Apaixonado da experimentación, tamén forma parte de Boyanka Kostova e Los Rastreadores. A súa música é unha mestura entre a electrónica, o autotune e o folclore galego, con cancións de cumbia, merengues e ritmos latinos. En Dozón presentará o seu terceiro álbum e os seus principais éxitos acompañado de sete músicos, onde destacan os ventos que incorpora neste novo traballo.

O concerto de Ortiga é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.