A Deputación leva este venres a Nigrán unha actuación de Erea Castro no marco do programa +Música
O concerto financiado pola institución provincial terá lugar no Esteiro da Foz a partir das 22:00 horas
27/08/2024
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Erea Castro que se celebrará este venres 30 de agosto a partir das 22:00 horas no Esteiro da Foz de Nigrán. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
A artista, natural de Salvaterra de Miño, interpretará o seu repertorio de temas propios e versións da música portuguesa, española e galega, coa nostalxia, o amor, o sentido de loita ou a alegría como fíos condutores. O espectáculo ‘Arraial’ procura desmontar prexuízos sobre a identidade de españois, galegos e portugueses, demostrando na transformación de temas consagrados e na mestura de sons e ritmos que son máis os elementos que nos unen como pobo dos que nos separan. Os ritmos folclóricos miñotos, a sonoridade do fado a través das guitarras portuguesas e os sons latinos predominan na proposta da artista raiana.
O concerto de Erea Castro e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.