Luisa Sánchez supervisa en Cerdedo-Cotobade a mellora do campo de fútbol das Estremas financiada a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

A vicepresidenta da Deputación lembrou que o campo recibirá a primeira axuda da segunda edición do PEID, 110.000 euros para avanzar na súa eficiencia enerxética

11/11/2024

Mellora do campo de fútbol das Estremas

A vicepresidenta e responsable da área de Deportes da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, supervisou este luns co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, as actuacións levadas a cabo no campo de fútbol das Estremas (Carballedo) financiadas a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Públicas. Os traballos recibiron preto de 50.000 euros para actuar no terreo de xogo, os vestiarios, o almacén, a sala de caldeiras e as gradas desta instalación, que necesitaba unha actuación de modernización con carácter urxente.

Cos recursos provinciais arranxáronse as ancoraxes das porterías e o muro de peche, instaláronse un novo pozo de barrena e papeleiras de reciclaxe, pintáronse os pechamentos e executáronse novos alxibes, entre outras cuestións. A través do plan, sinalou a vicepresidenta provincial, “reforzamos as instalacións e as dotacións públicas deportivas dos concellos máis pequenos, que redundan nunha gran mellora das posibilidades que teñen os veciños desta provincia á hora de practicar calquera disciplina deportiva”. A vicepresidenta tamén sinalou o carácter municipalista do programa, sendo os concellos quen deciden as actuacións que presentan á convocatoria.

Luisa Sánchez aproveitou para lembrar que o pasado venres a Xunta de Goberno aprobou o investimento doutros 110.000 euros da segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas tamén para o campo de fútbol das Estremas, desta volta co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética. A vicepresidenta trasladou os parabéns a Jorge Cubela pola “celeridade” á hora de solicitar os recursos. “Non fai nin 3 semanas que publicamos no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria e xa tedes os recursos aprobados”, sinalou Sánchez sobre a que é, ademais, a primeira actuación en recibir algúns dos 8 millóns de euros postos á disposición dos concellos nesta segunda convocatoria do plan. Con estes fondos mellorarase a envolvente térmica nos vestiarios, instalarase un sistema de iluminación máis eficiente, substituíranse os termos eléctricos por outros de aerotermia e instalaranse paneis solares para a xeración de electricidade sostible e verde. Ademais, esta actuación tamén recibirá outros 20.000 euros da Deputación a través do Plan +Provincia.

A vicepresidenta da Deputación lembrou que o deporte é unha cuestión prioritaria para o goberno da Deputación, “con recursos como nunca visto nesta institución”. Neste eido, Luisa Sánchez sinalou os 8 millóns do plan ou os 6,4 millóns do servizo de Deportes, que aumenta no 2025 a súa dotación nun 15% respecto ao ano actual. “Con alcaldes como Jorge Cubela conseguiremos converter esta provincia nun exemplo en canto a instalacións deportivas do século XXI”, concluíu a vicepresidenta provincial.

Galerias de imagenes