A Deputación avanza no reparto do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas con 140.000 € para o campo de fútbol Monte da Lomba de Vilanova
“Continuamos avanzando na transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos dos concellos de menos de 50.000 habitantes”, asegurou o presidente da Deputación Luis López
15/11/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe novos recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Vilanova de Arousa, que recibirá 140.000 euros para poder renovar o campo de fútbol Monte da Lomba. O presidente Luis López remarcou que a institución provincial continúa así “avanzando na transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos dos concellos de menos de 50.000 habitantes”.
Está previsto que a actuación, que ascende a 215.000 euros, sexa financiada integramente pola Deputación de Pontevedra e que o importe restante para completar os 140.000 euros xa aprobados do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 75.000 euros que debe achegar o concello, proveña tamén de fondos do Goberno provincial. Con estes recursos será posible renovar o céspede artificial desta instalación deportiva da parroquia de San Miguel, substituíndoo por un de nova xeración, xa que o actual presenta un excesivo desgaste.
O II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o dobre que na primeira edición, permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia constrúan novas instalacións de uso deportivo, modernicen, remodelen ou melloren as existentes, e adquiran equipamentos, material ou terreos para uso deportivo.