A Deputación aproba as primeiras axudas do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 110.000 € para que Cerdedo-Cotobade realice obras de eficiencia enerxética no campo de fútbol das Estremas

“Con estas achegas seguimos avanzando, seguimos destinando recursos para continuar coa transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos da provincia que iniciamos o pasado ano”, asegurou o presidente Luis López

08/11/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe os primeiros recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Cerdedo-Cotobade, que recibirá 110.000 euros para poder acometer obras de eficiencia enerxética no campo de fútbol das Estremas. En palabras do presidente provincial, Luis López, con estas achegas “seguimos avanzando, seguimos destinando recursos para continuar coa transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos da provincia que iniciamos o pasado ano”.

O proxecto de eficiencia enerxética do campo de fútbol das Estremas ten un orzamento total de 140.000 euros, polo que o financiamento se completará con outros 20.000 euros provinciais, a través do Plan +Provincia 2024, e con 8.000 euros que achega o concello. En concreto, con estes recursos mellorarase a envolvente térmica nos vestiarios, instalarase un sistema de iluminación máis eficiente tanto no terreo de xogo como nos vestiarios; substituíranse os actuais termos eléctricos por outros de aerotermia e tamén se instalarán paneis solares para a xeración de electricidade.

Como lembrou o presidente provincial, o II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o dobre que na pasada edición, permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia constrúan novas instalacións de uso deportivo, modernicen, remodelen ou melloren as existentes, e adquiran equipamentos, material ou terreos para uso deportivo.