A Deputación mobiliza esta semana 30 colectivos sociais de 20 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2024 a entidades de 53 concellos

02/09/2024

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de 30 colectivos de 20 concellos da provincia: Barro, Cambados, Cangas do Morrazo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Estrada, O Grove, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán as actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

O martes 3 de setembro comezan catro obradoiros de pilates para as usuarias da Asociación O Batuqueiro de Vilariño (Cambados), a Asociación de Amas de Casa Muíños do Vento (Catoira), a Asociación Mulleres en Igualdade de Donramiro (Lalín) e a Asociación de Mulleres de Gresande (Lalín). Ademais, tamén se iniciarán actividades formativas de arte floral na Asociación de Veciños Pardavila de San Julián (Marín), de ximnasia hipopresiva na Asociación Veciñal Doutor Fleming (Vigo) e de teatro na Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama de Vigo.

O mércores 4 de setembro comezarán dúas actividades de teatro, para a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama de Cangas e a Asociación de Veciños de San Miguel de Vilagarcía, así como outras dúas de pilates para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Donsion (Lalín) e a Asociación de Mulleres Rurais Virxe do Faro (Rodeiro). Tamén iniciarán obradoiros de pintura integrantes da Confraría de San Martiño do Grove, de musicoterapia na asociación Medrar 2.0 de Barro, de plantas medicinais na Asociación Cultural e Deportiva Santa Eulalia (Mos) e de arte floral na Asociación Chan do Monte (Pontevedra).

A partir do xoves 5 de setembro recibirán formación en distintos niveis de alfabetización dixital mulleres da Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos) e da Asociación de Veciños de Cabreira-Xermen-Salva (Salvaterra de Miño). Tamén inician accións formativas en pilates na Asociación de Mulleres Creativas de Quireza (Cerdedo-Cotobade), de risoterapia na Asociación de Mulleres Rurais de San Xurxo de Vea (A Estrada), de teatro na Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama en Pontevedra e de artesanía en coiro na Asociación Cultural Candelas (Portas).

O venres 6 de setembro comezarán dous obradoiros de pilates na Asociación de Mulleres en Igualdade de Vilasancho (Lalín) e na Asociación Cultural Virxe da Luz de Casteláns (Covelo). Ademais, as mulleres da Asociación de Maiores de Ponteareas asistirán a unha acción de artesanía en coiro, as Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo VI (Vilagarcía) a unha de arte floral e as usuarias da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade en Silleda a unha de ioga.

Por último, o sábado 7 de setembro comezarán tres obradoiros de plantas medicinais na Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama en Moaña, no Centro Cultural e Social de Herville (Mos) e na Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada (Pontevedra). Completan os cursos da semana os de arte floral, na Asociación de Veciños A Firgha da Somoza (A Estrada), e pilates, na Asociación Sociocultural e Deportiva de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi (Cerdedo-Cotobade).

No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 53 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.