O goberno de Luis López aposta no seu primeiro ano de mandato por máis recursos para os concellos no ámbito social e por impulsar novos programas de Benestar centrados na familia e na accesibilidade

En só un ano de goberno tense incrementado en 600.000 € a partida destinada a cofinanciar os servizos sociais comunitarios e tamén as axudas de emerxencia nos concellos de maior demanda

04/07/2024

O goberno de Luis López apostou no seu primeiro ano de mandato por máis recursos para os concellos no ámbito social e por impulsar novos programas de Benestar centrados na familia e na accesibilidade. Deste xeito, a área de Benestar Social que lidera a deputada provincial Sandra Bastos incrementou en 600.000 € a partida destinada a cofinanciar os servizos sociais comunitarios e tamén as axudas de emerxencia nos concellos de maior demanda. Ademais, lanzáronse novas liñas de subvencións para fomentar a convivencia familiar e a accesibilidade e reformuláronse os programas provinciais que levan décadas funcionando. No caso da Cidade Infantil Príncipe Felipe, neste primeiro ano de Goberno, estanse a remodelar as instalacións do centro Agarimo así como da Escola Fogar e do almacén xeral.

A aposta polo benestar social da cidadanía da provincia de Pontevedra dende o municipalismo é unha das máximas do mandato de Luis López á fronte da Deputación de Pontevedra. Neste eido, en só un ano tense incrementado en 600.000 € a partida destinada ao cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios que alcanzan, este 2024, os 3 millóns de € e permiten sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos do persoal destes servizos en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Ademais, tamén impulsaron Axudas Básicas de Emerxencia por valor de 600.000 €, cun maior reparto de subvencións e atención especial aos concellos de maior demanda.

No que respecta ás liñas de subvencións dirixidas a entidades e á cidadanía en xeral, lanzáronse dúas novas: “Provincia +Inclusiva” e “Lecer en familia”. A primeira delas encamiñada a entidades de iniciativa social, maiores, discapacidade e inclusión, está encamiñada a fomentar espazos accesibles e sen barreiras, con axudas que poderán chegar aos 10.000 euros. No caso da segunda, cun orzamento de 300.000 euros, trátanse de estancias de fin de semana para familias con, ao menos, un menos ao seu cargo, en establecementos hoteleiros da provincia.  

Ademais, neste primeiro ano de goberno de Luis López, reformuláronse programas provinciais que levan décadas funcionando como o de termalismo ou o de excursións pola provincia. No caso do primeiro, denominado +Benestar e dotado cun orzamento de 220.000€, tense apostado por financiar con ata 100 euros cada praza fronte aos anos anteriores, nos que non había subvención. Pola súa banda, no segundo, co nome de +Convivencia, como novidade destínase a cada entidade unha axuda de ata 1.000 euros para que poidan xestionar e deseñar con autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando, deste xeito, a economía local.

Tamén desde a área de Benestar Social estanse a promover, por vez primeira, xornadas e encontros co tecido asociativo provincial ou cos servizos sociais, para tender pontes e promover iniciativas e programas que beneficien ao conxunto da cidadanía.

Cidade Infantil Príncipe Felipe

Neste primeiro ano de mandato á fronte da Deputación de Pontevedra tense dado un impulso importante á Cidade Infantil Príncipe Felipe.  Neste caso, estanse a remodelar as instalacións do centro Agarimo, que loce xa unha nova entrada accesible e decorada cun mural, e actuarase para dotalo dunha nova cuberta. Tamén terá cuberta nova o almacén xeral e impulsaranse actuacións nas escaleiras de emerxencia do edificio do Centro  Escola Fogar.

Ademais, e no marco da política de “tender pontes”, abriuse o auditorio de Príncipe Felipe para organizar actividades relacionadas coa igualdade e coa educación e a residencia xuvenil para actividades de carácter deportivo. Igualmente aumentáronse as asignacións para actividades do centro, que mantivo ao longo do ano unha ocupación do 90%, e estanse a deseñar as actividades para conmemorar o 50 aniversario do recinto.

 

Enlaces de interés