#BENESTAR SOCIAL
PONTEVEDRA, PROVINCIA +INCLUSIVA
O Servizo de Benestar Social convoca unha liña de subvencións para investimento dirixidas a entidades sen fins de lucro de concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.
Esta convocatoria busca promover condicións de seguridade e autonomía para as persoas usuarias das entidades solicitantes, como elemento primordial para desenvolver as actividades da vida cotiá, sen restricións derivadas do ámbito físico, arquitectónico e de comunicación, dándolles a oportunidade de ter unha participación activa e de uso e gozo dos diferentes espazos e recursos.
A quen vai dirixido?
Poderán beneficiarse destas subvencións as entidades de iniciativa social sen fins de lucro situadas en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra que se atopen inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Xunta de Galicia, que sexan titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais nos ámbitos de inclusión, maiores e/ou discapacidade, e que cumpran os requisitos establecidos nas bases.
Cal é o financiamento e que gastos son subvencionables?
Serán subvencionables os proxectos de mellora da accesibilidade arquitectónica e da accesibilidade na comunicación, e axudas técnicas para as entidades referidos na base quinta das reguladoras da convocatoria. Os gastos subvencionables son:
- Gastos derivados das obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles nas instalacións das entidades solicitantes.
- Os custos de redacción da memoria do proxecto, se esta fose necesaria, serán subvencionables se están directamente relacionados co investimento subvencionado e son indispensables desde o punto de vista legal para a execución da obra de reforma ou acondicionamento.
- Gastos para adquirir sistemas inclusivos de comunicación, informáticos, audiovisuais, dispositivos braille, sintetizadores de voz, dispositivos de alarma mediante sinais luminosos ou acústicos ou mediante vibracións etc.
- Gastos derivados de adquirir axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal: camas articuladas, colchóns antiéscaras, cadeiras de rodas (non cubertas por outro sistema público), guindastres e plataformas elevadoras, andadores, sistemas de elevación, dispositivos motorizados para subir escaleiras, cadeiras para a ducha e outras de similar natureza para o uso das persoas usuarias da entidade solicitante.
As solicitudes poderán conter un ou varios dos gastos subvencionables anteriormente descritos.
O importe máximo da subvención para cada solicitude non poderá exceder do 80 % do seu orzamento nin da cantidade de 10.000,00 euros.
Ligazóns de interese
- Bases (BOPPO 26/04/2024)
- Modificación das bases (BOPPO 12/12/2024)
- Extracto da modificación das bases (BOPPO 12/12/2024)
- Anuncio de proposta de resolución provisional da convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para a promoción da accesibilidade universal no ano 2024 (BOPPO 29/10/2024)
- Documentación e tramitación en sede.depo.gal