A Deputación leva este domingo o circuíto +Escénicas ata O Rosal con “Loló e mamá” de De Ste Xeito Producións
A peza teatral, para maiores de 12 anos, poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal do Rosal
02/11/2024
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 3 de novembro o circuíto +Escénicas ata O Rosal. A peza teatral “Loló e mamá” de De Ste Xeito Producións poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal do Rosal. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“Loló e mamá” trátase dun espectáculo para maiores de 12 anos, de 75 minutos, no que Margot, nai de Loló, queda no parto e decide instalarse na casa da súa filla, a un océano de distancia. Pero o que parecía unha idea xenial, que axudaría a xuntar a unha familia desestruturada desde sempre, axiña muda en desastre. Deste xeito, “Loló e mamá” fai ver, grazas a un humor fino, que as cousas son máis difíciles do que nos gustaría e, sobre todo, que o amor é unha arma de dobre fio.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.