Luis López sinala que a provincia toma a dianteira nas comunidades enerxéticas coa creación da Oficina de Transformación Comunitaria por parte da Deputación

O presidente provincial inaugurou este mércores este centro ubicado no viveiro de empresas do polígono de Barro cunha xornada dedicada ás comunidades enerxéticas, que o goberno provincial pretende implantar en todo o territorio

29/05/2024

Luis López e representantes veciñais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo a Oficina de Transformación Comunitaria como exemplo do municipalismo e a aposta pola sustentabilidade do goberno provincial no acto de inauguración deste centro posto en marcha pola administración provincial no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro. O dirixente encargouse de inaugurar esta oficina cunha xornada dedicada ás comunidades enerxéticas, unhas entidades extendidas por diversos países da Unión europea e que a Deputación pretende implantar no territorio. “O municipalismo, tender pontes e a sustentabilidade son tres principios que rexen a nosa acción de goberno e tres eixos que sustentan estas comunidades enerxéticas, que son unha oportunidade para o aforro enerxético de todos os posibles beneficiarios, desde os particulares ata o tecido asociativo e empresas; unha aposta pola innovación coa posta en marcha de iniciativas pioneiras como esta; e un proxecto de futuro que supoñen un impulso para atraer e fixar poboación no rural”, explicou Luis López as vantaxes destas comunidades enerxéticas.

Nun acto ao que asistiron representantes de asociacións veciñais, do tecido empresarial, do sector das enerxías renovables e persoal de concellos de toda a provincia, o presidente da Deputación detallou a todos os presentes en que consistirá o funcionamento desta Oficina de Transformación Comunitaria. Esta oficina contará cunha sede fixa no viveiro de empresas de Barro e outra itinerante que percorrerá toda a provincia. A Deputación organizará charlas nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para explicar en que consisten estas comunidades enerxéticas e, ao mesmo tempo, organizará dúas xornadas anuais para informar do labor realizado pola Oficina e poñer en contacto aos posibles beneficiarios con todos os actores relacionados co sector enerxético. Así mesmo, organizarase un congreso anual para poñer en común todos os avances acadados polas comunidades enerxéticas que se creen na provincia. Outra das iniciativas desta oficina será a de crear un Observatorio Provincial das comunidades enerxéticas para calcular o impacto destas entidades sobre a redución da contaminación e da factura eléctrica. Tamén haberá accións formativas para a xestión destas comunidades e informar das novidades dun sector que non deixa de evolucionar. Ademais, a Deputación pon a disposición de todos os usuarios dúas guías completas para o desenvolvemento destas comunidades enerxéticas.

Outro aspecto importante desta oficina é o asesoramento continuo aos beneficiarios. “Unha vez recibidas as solicitudes para fundar unha comunidade enerxética, prestarase un servizo de apoio e acompañamento completo por parte dos profesionais desta Oficina para a súa posta en funcionamento”, salientou o presidente da Deputación comparando este asesoramento co que xa se presta a través do programa provincial de apoio ao emprendemento Smart Peme. “Falamos dun proxecto sólido, de futuro e que integra a toda a provincia para seguir avanzando na transformación do noso territorio para que sexa máis sustentable, máis moderno e máis xusto”, asegurou López.

A xornada, que será clausurada pola deputada María Ramallo, encargada da área de Cooperación Local, contou con diferentes conferencias relacionadas coa definición dunha comunidade enerxética, co papel das administracións no desenvolvemento das comunidades enerxéticas locais, coa presentación de casos de éxito destas comunidades, con comunidades enerxéticas industriais e coa financiación e implantación destas comunidades, así como coa presentación dos servizos que prestará a Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación a cargo da xefa de servizo de Cooperación da Deputación, Marina Piñeiro.

Unha resposta provincial a unha crise enerxética global

A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación forma parte do programa +Renovables da Deputación de Pontevedra. Un proxecto dotado cun orzamento de 750.000 euros, dos que medio millón de euros proceden de fondos europeos, e que “nace como resposta á crise enerxética actual e pola necesidade de impulsar unha nova cultura enerxética na que a cidadanía teña unha participación activa”, declarou o presidente.

Un plan que aposta pola sustentabilidade pero que non é a única iniciativa lanzada polo goberno provincial na busca dunha mellor xestión dos recursos. Na súa intervención, Luis López fixo referencia a outros plans como o +Aqua, dotado cun millón de euros, para apoiar aos usuarios das comunidades de auga nunha xestión máis eficiente dun ben escaso; o Plan Provincia Comunitaria, cun millón de euros de orzamento, para mellorar os equipamentos dos locais veciñais; ou o proceso de redacción da Axenda Rural e Urbana da provincia de Pontevedra para traballar en comunidade por acadar os obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Unión Europea.

“A Deputación será un apoio leal e un socio colaborador, polo que anímovos a que sexades a nosa voz para implantar estas comunidades enerxéticas no noso territorio co maior éxito posible”, concluíu Luis López convidando aos posibles beneficiarios deste programa provincial a colaborar coa Deputación nunha iniciativa que ten “unha visión municipalista, sustentable e centrada no reto demográfico”.

Galerias de imagenes