A Deputación colaborará co Concello de Moraña para a creación dunha comunidade enerxética local a través de +Renovables

O deputado provincial Javier Tourís e o alcalde de Moraña Sito Gómez reuníronse esta mañá para impulsar a creación da comunidade, aberta á veciñanza, ao comercio e á hostalaría local da vila

18/06/2024

Javier Tourís e o alcalde de Moraña

A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Moraña para a creación dunha comunidade enerxética local a través da Oficina de Transformación Comunitaria da institución provincial +Renovables. O deputado provincial, Javier Tourís, e o alcalde de Moraña, Sito Gómez,  reuníronse esta mañá para impulsar a creación da comunidade, aberta á veciñanza, ao comercio e á hostalaría local da vila que se atope nun radio máximo de dous quilómetros en relación ao punto de produción da enerxía fotovoltaica.

Tourís puxo a disposición tanto do goberno local de Moraña como da veciñanza da vila os servizos de acompañamento, asesoramento e formación da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, financiada cos fondos NextGenerationEU. En concreto, o deputado provincial explicou que a través da oficina daráselles acompañamento especializado para avaliar o potencial do proxecto de constitución da comunidade enerxética e identificar a mellor forma xurídica para a súa xestión e as mellores formas de financiamento. Tamén prestará asesoramento para a redacción dos estatutos e normas de participación, así como para localizar e deseñar os proxectos de xeración eléctrica e redactar o proxecto de execución. Ademais, Tourís engadiu que +Renovables inclúe accións de formación tanto para os xestores da comunidade enerxética como para o persoal do propio concello.

O Concello de Moraña pretende poñer a disposición da comunidade enerxética local a cuberta dos edificios de titularidade municipal para a instalación de paneis fotovoltaicos que xeren enerxía renovable para autoconsumo colectivo. O aproveitamento desta enerxía supón un considerable aforro nas facturas enerxéticas das persoas que participen da comunidade enerxética e, por estes motivos, a vontade do goberno local é que se destine ás persoas en situación de vulnerabilidade enerxética. Neste eido, o deputado provincial e o alcalde de Moraña acordaron organizar unha reunión informativa pública na vila para dar máis detalles desta iniciativa, para a que se convidará tanto á veciñanza como ao tecido comercial e hostaleiro de Moraña.