Luis López salienta a importancia da colaboración co sector do turismo para avanzar na desestacionalización do destino nunha reunión de traballo na sede de Interrías

O presidente provincial, xunto cos deputados Nava Castro e Marcos Guisasola, destaca a capacidade da empresa sanxenxina para a captación de visitantes internacionais ao longo de todo o ano, así como a súa implicación na organización de eventos deportivos

09/10/2024

Luis López salienta a importancia da colaboración co sector do turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia da colaboración institucional cos profesionais do sector do turismo para consolidar a provincia como un destino líder e seguir avanzando na desestacionalización e sustentabilidade, oferta de novos produtos e captación de novos fluxos turísticos nunha visita á sede de Interrías, en Sanxenxo, na que o mandatario provincial estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola; e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. "A nosa provincia está de moda tamén por contar con empresas como Interrías, que nos posicionan ao mellor nivel", afirmou López.

O encontro de traballo cos dirixentes de Interrías serviu para coñecer o funcionamento dunha empresa de referencia na oferta e organización de actividades relacionadas co turismo. "Queremos coñecer a fondo unha empresa punteira e líder con máis de 30 anos de traxectoria e que oferta servizos de carácter nacional e internacional", destacou o presidente provincial. Neste sentido, subliñou López que a estratexia de Turismo Rías Baixas vai en consonancia coa liña de traballo de empresas como Interrías, que buscan a atraer visitantes ao longo dos 365 días do ano. "A nosa estratexia vai cara a desestacionalización, xa estamos participando en proxectos que van camiño disto, pero facelo da man do sector, ir da man de empresas como Interrías, é clave", remarcou o dirixente.

Outro aspecto no que os eixos de acción da Deputación e Interrías coinciden é o deporte. Desde o organismo provincial enténdese o deporte como o complemento perfecto para o modelo de turismo das Rías Baixas, de feito está publicada unha liña de axudas provinciais destinadas á organización de eventos deportivos de interese turístico. E, pola súa banda, Interrías está implicada na organización de eventos desta índole e tamén no patrocinio de clubs e competicións. "Agradecemos o apoio de Interrías ao deporte", valorou Luis López facendo fincapé no obxectivo de atraer visitantes internacionais á provincia para "que volvan logo aos seus países falando das Rías Baixas".

Despois de poñer en valor o traballo do Concello de Sanxenxo para seguir consolidándose como capital turística da provincia e agradecer o convite aos responsables de Interrías, Luis López tendeu a man da Deputación ás empresas do sector turístico para seguir construíndo un destino líder, sustentable e con futuro.

Galerias de imagenes