Luis López destaca o potencial dunha alianza entre as provincias de Ourense e Pontevedra para construír un destino turístico ligado á gastronomía

O presidente provincial participa na inauguración da vixésimo quinta edición de Xantar, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense e na que Turismo Rías Baixas conta por primeira vez en 18 anos cun stand propio

24/10/2024

A Deputación regresa a Xantar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta as posibilidades dunha alianza entre as provincias de Ourense e Pontevedra xunto cos territorios do norte de Portugal para construír un destino turístico sustentable e desestacionalizado ligado á gastronomía e a enoloxía e ao patrimonio natural. Fíxoo durante a inauguración da vixésimo quinta edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra esta fin de semana en Ourense. "Esta feira  é un punto de encontro, un lugar no que fortalecer as pontes que nos unen e derrubar calquera muro que nos poida separar. Porque hai milleiros de turistas que poden iniciar o día nos canóns da Ribeira Sacra ou no norte de Portugal e rematalo no balcón ao Atlántico das Rías Baixas. O que é natural para o turista, debe selo tamén as Administracións", defendeu o mandatario provincial.

Entre os días 24 e 27 de outubro en Expourense, celébrase na cidade das burgas a única feira internacional de turismo gastronómico recollida no calendario oficial de feiras comerciais internacionais do Ministerio de Industria. Un foro de 25 anos de tradición ao que por primeira vez en 18 anos regresa a Deputación de Pontevedra cun stand propio para presentar o modelo de turismo Rías Baixas. Unha fin de semana que comezou este xoves cunha cerimonia inaugural na que o presidente da Deputación debullou as principais fortalezas e atractivos do destino e amosou a vontade do goberno provincial de tender pontes de colaboración cos territorios veciños.

"Podemos camiñar xuntos dúas provincias irmás coma as de Pontevedra e Ourense porque as nosas fortalezas, os nosos retos e as nosas oportunidades son moi similares. Falamos dun territorio caracterizado pola auga, que noutros lugares é escasa pero por fortuna nós témola en abundancia; dun destino sustentable en contacto coa natureza pero sen alterala, dunha provincia chea de vilas e aldeas para desfrutar de experiencias auténticas, únicas e de calidade os 365 días do ano e dunha proposta ligada ao enoturismo e á gastronomía", detallou o presidente da Deputación de Pontevedra.

Neste sentido, o mandatario provincial defendeu a importancia de saber comunicar as virtudes dun destino como as Rías Baixas e a súa satisfacción por ter a oportunidade de facelo en escenarios como o de Xantar. "Participamos en xornadas técnicas, congresos ou feiras, como este Xantar 2024, para avanzar na captación de novos fluxos turísticos, dar a coñecer produtos e propostas innovadoras ou consolidar as Rías Baixas como un destino turístico ligado á gastronomía, ao viño, á cultura ou ao deporte", explicou Luis López facendo referencia á recentemente aprobada Estratexia Rías Baixas Turismo 61 da Deputación, que busca poñer en valor os atractivos dos 61 concellos da provincia, ofrecer plans de calidade os 365 días do ano e garantir un turismo sustentable.

"As respostas que estamos a recibir veñen confirmar algo que xa sospeitabamos: O mundo está desexoso de vivir experiencias 100 % Rías Baixas. Queren mollar os pés nas augas das nosas praias, termas ou nos charcos da nosa chuvia. E, por suposto, buscan mergullarse nunha forma de vivir que nos fai únicos", concluíu Luis López cunha oferta a todos os participantes desta feira Xantar 2024: "as portas da nosa provincia están sempre abertas. Contamos convosco e podedes contar con nós", rematou.

Galerias de imaxes