Luis López amosa a vontade da Deputación por “tender pontes” coas entidades sociais cun apoio de 180.000 euros para construír espazos máis accesibles

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, explicou os detalles deste novidoso programa a uns cincuenta representantes de colectivos que traballan pola inclusión de persoas maiores ou con necesidades especiais

30/04/2024

Luis López na presentación de Pontevedra, provincia +Inclusiva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o compromiso do goberno provincial por “tender pontes” coas entidades de acción social que exercen o seu labor no territorio pontevedrés coa presentación dunha novidosa medida de apoio dotada con 180.000 euros. Ao Edificio administrativo do organismo provincial acudiron máis de cincuenta representantes de colectivos que actúan nos ámbitos do coidado a persoas maiores, con discapacidade ou pola inclusión de persoas con necesidades específicas para coñecer, da man do dirixente López e da deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; os detalles do programa “Pontevedra, provincia +Inclusiva”.

“Unha nova ferramenta pensada para que sigades ofrecendo servizos e atencións de calidade aos usuarios. Unha nova mostra de que a Deputación tende pontes coa cidadanía, cos concellos e, tamén co tecido social da provincia. Porque só traballando en equipo, unindo forzas e cunha cooperación leal conseguiremos construír unha provincia máis igualitaria e xusta”, recoñeceu o mandatario provincial durante a presentación do programa.

Este novidoso plan posto en marcha este ano por primeira vez pola Deputación consiste nunha liña de axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro en materia de inclusión e benestar social que operen en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Cada organización poderá recibir ata un máximo de 10.000 euros de axuda que poderá destinar a construír espazos accesibles, redactar proxectos de accesibilidade, adquirir sistemas inclusivos de comunicación ou equipamentos relacionados coa mobilidade e o coidado persoal. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 26 de xuño.

“A nosa vontade, con este novo programa, é promover a accesibilidade universal en todos os ámbitos nos que existan barreiras. Barreiras que o que fan é impedir a participación plena de todas as persoas en igualdade de condicións na sociedade. E para conseguilo é importante e necesario a vosa implicación, a implicación de todo o tecido asociativo da provincia”, sinalou a deputada Bastos, encargada de explicar polo miúdo e resolver todas as cuestións formuladas polos futuros beneficiarios desta nova proposta do executivo que encabeza Luis López.

Neste sentido, o presidente da Deputación destacou que a colaboración da administración provincial co tecido asociativo é unha dos principais piares da súa acción de goberno. “Unha Pontevedra xusta, moderna e forte, constrúese en equipo, a pé de rúa e en contacto coas persoas dan forma a esta terra”, remarcou o dirixente, quen lembrou as últimas iniciativas postas en marcha por esta institución en materia de benestar social. Luis López referiuse á liña de subvencións dotada con 470.000 euros aprobada recentemente para entidades sen ánimo de lucro, a suba de 600.000 euros dos fondos do Servizo de Axuda no Fogar ata acadar os tres millóns de euros, 600.000 euros para as axudas de emerxencia ou programas específicos postos en marcha polo goberno como o Provincia Activa, +Benestar ou +Convivencia; así como a aposta por programas impulsados por estes colectivos a través de convenios de colaboración.

“Tender pontes é aliarse coas entidades que traballan cada día por persoas con problemas de mobilidade, que coidan dos nosos maiores ou que loitan para que esas fendas que aínda nos separan sexan cada vez máis estreitas”, rematou o presidente da Deputación, Luis López.

 

Galerias de imagenes