Rafa Domínguez confirma que xa se iniciou o procedemento administrativo da reforma de Santa Clara, “o primeiro paso para que sexa unha realidade”
“Grazas á implicación do persoal da Deputación, en tres meses atopamos solucións para que a reforma de Santa Clara sexa unha realidade, cun proxecto recoñecible e coherente que protexe ao máximo o noso patrimonio”, asegurou o vicepresidente
23/01/2024
Tras tres meses de traballo inxente para atopar solucións que desbloqueasen o proxecto de rehabilitación arquitectónica e ampliación de Santa Clara para converterse no sétimo edificio do Museo de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, acaba de confirmar que xa se iniciou o expediente de contratación da redacción do proxecto da actuación, “o primeiro paso para que a reforma do convento sexa unha realidade”. O orzamento básico de licitación, tal e como informou Domínguez, ascende a máis de 1,7 millóns de euros e abrangue tanto a redacción do proxecto coma a dirección de obra.
Nun primeiro momento, tal e como explicou o vicepresidente, pensouse en suspender o concurso internacional convocado polo anterior Goberno, “debido á formulación non axeitada de empregar parte dos xardíns de Santa Clara como soto para o depósito non visitable de restos arqueolóxicos e á vandalización dun espazo natural que levaba 400 anos pechado ao público”. Non obstante, despois de diversas reunións coa empresa gañadora, Nieto Sobejano, nas que se detectou “que non soamente entendía a nosa posición de elevar o grao de protección de Santa Clara e os seus xardíns, senón que compartía a nosa visión do proxecto”, e tras a análise dos servizos técnicos da Deputación, que determinaron que modificar o proxecto non invalidaba o concurso, decidiuse que a empresa continuase con este sempre e cando realizase as modificacións pertinentes. “Quero agradecer a eficacia e a vontade de todos os servizos implicados en sacar adiante este proxecto. En tres meses atopamos solucións para que a reforma de Santa Clara sexa unha realidade, cun proxecto museolóxico recoñecible e coherente dos sete edificios que protexe ao máximo o noso patrimonio”, asegurou o vicepresidente provincial.
Deste xeito, Rafa Domínguez informou que o 18 de xaneiro xa se asinou o inicio do expediente de contratación para a redacción do proxecto e dirección de obra de rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara para uso destinado a Museo de Pontevedra. Este expediente abordarase na Xunta de Goberno do vindeiro 30 de xaneiro. “Trátase do inicio administrativo das obras para que o proxecto de Santa Clara sexa real o antes posible”, afirmou o vicepresidente.
A partir de agora ábrese un proceso de negociación entre a Deputación e Nieto Sobejano no que se terán en conta, entre outras cuestións, o mellor prezo ofertado, a presentación dunha solución para a supresión do centro arqueolóxico, a proposta dun espazo de conexión, o respecto aos valores históricos e o acceso ao convento. Una vez rematado este proceso de negociación, a empresa deberá achegar o proxecto de execución da actuación para reformar o convento. “Agardo que para o centenario do museo, en 2027, as obras en Santa Clara estean totalmente rematadas”, puntualizou Rafa Domínguez.
Un proxecto museístico global
O vicepresidente da Deputación informou que desde o primeiro momento a directora Ángeles Tilve alertou da “necesidade de contar cun proxecto museístico global que determinase onde teñen que estar as exposicións nos diversos edificios de cara ao futuro. Trátase dun proxecto fundamental que está xa moi orientado, pois os visitantes precisan ver certa coherencia expositiva e os diversos edificios do museo teñen que ter un discurso museístico lóxico, un diálogo entre o continente e o contido que precisa un traballo continuo entre o equipo de arquitectura e a dirección do propio museo”.
Ademais do proxecto museístico global, Domínguez tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polo novo equipo directivo do museo, que “tomou as rendas da entidade con dúas frontes moi complexas abertas: o proxecto dos dous edificios do museo que levaban dez anos pechados e o de Santa Clara” e, pese a iso, presentou “un amplo programa expositivo para 2024” e está xa a traballar “para organizar unha bienal de arte en 2025 de altísima calidade”.