A Deputación segue dando pasos cara adiante e contrata a empresa Nieto Sobejano para executar o proxecto de reforma de Santa Clara

O vicepresidente, Rafa Domínguez, anunciou que se está a ultimar a compra da Casa das Misións para convertela en entrada ao recinto e que convocará o Concello para traballar “desde a lealdade institucional polo ben do proxecto e de todos os pontevedreses”

06/03/2024

O vicepresidente, Rafa Domínguez, anunciou que se está a ultimar a compra da Casa das Misións

"Santa Clara avanza de forma contundente, progresa moi adecuadamente para que no centenario do Museo de Pontevedra, en 2027, sexa unha realidade", afirmou o vicepresidente provincial esta mañá nunha rolda de prensa convocada para informar que a empresa Nieto Sobejano será a encargada de executar o proxecto de reforma. Ademais desta cuestión, Rafa Domínguez tamén anunciou que, tras reunións co arcebispado de Santiago, estase a preparar xa a documentación para comprar a Casa das Misións co obxecto de convertela na entrada a Santa Clara e que proximamente convocará o Concello de Pontevedra para traballar "todos na mesma dirección, da man, e desde a lealdade institucional polo ben do proxecto e de todos os pontevedreses".
 
Na Xunta de Goberno do próximo venres, tal e como explicou o vicepresidente, aprobarase a adxudicación do contrato do servizo de redacción do proxecto e dirección de obra para a rehabilitación arquitectónica e a ampliación do recinto conventual de Santa Clara para o uso do Museo de Pontevedra á empresa Nieto Sobejano por valor de 1.742.400 euros. A adxudicación do contrato tivo lugar en practicamente un mes, xa que o expediente se aprobou o 30 de xaneiro, "grazas ao traballo ímprobo e á implicación do persoal funcionario da Deputación e á seriedade, capacidade de adaptación e profesionalidade da empresa". Entre medias, tivo lugar un proceso de negociación no que se valorou tanto a oferta inicial coma aspectos económicos, arquitectónicos e técnicos, e que concluíu o 16 de febreiro cun acordo entre Nieto Sobejano e a Deputación de Pontevedra valorado positivamente polo Servizo de Arquitectura e que culminará este venres coa adxudicación do contrato.

As fases

A formalización do contrato terá lugar unha vez transcorridos quince días hábiles desde a notificación da súa adxudicación. Unha vez formalizado, executarase en catro fases; a primeira será a entrega do proxecto básico nun prazo de dous meses desde o inicio do contrato. Posteriormente, na segunda fase, terá lugar a entrega do proxecto de execución, para o que a empresa terá catro meses desde o informe favorable do proxecto básico.

A terceira fase correspóndese co inicio das obras e a cuarta, coa liquidación do contrato unha vez estas rematen. Neste sentido, o vicepresidente provincial avanzou que "se Patrimonio resolve rápido e o Concello de Pontevedra outorga a licencia de obras no menor prazo posible, poderían comezar as obras a finais de 2024 ou comezos de 2025. Estamos traballando sen descanso para que así sexa e para poder abrir, canto antes, o recinto para todos os pontevedreses".

Galerias de imaxes

videos

audios