Luis López detalla os avances impulsados pola Deputación para que a rehabilitación de Santa Clara sexa unha realidade

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, por máis de 1,7 millóns de euros, o expediente para contratar a dirección do proxecto e da obra de rehabilitación de Santa Clara

30/01/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, por máis de 1,7 millóns de euros, o expediente para contratar a dirección do proxecto e da obra de rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara para destinalo Museo de Pontevedra.  “Estamos dando pasos reais cara adiante para que este convento renovado e aberto á cidade sexa unha realidade”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.

A estes 1,7 millóns de euros destinados á contratación da dirección do proxecto e da obra hai que sumarlles os 6 millóns de euros que destinará a Xunta de Galicia á actuación tras a sinatura do protocolo de colaboración entre Luis López e Alfonso Rueda o pasado venres. “Quero salientar que a colaboración institucional dá froitos —asegurou o presidente— e aproveito para agradecer a implicación do presidente da Xunta que, como pontevedrés, sabe da xoia que supón Santa Clara e do futuro que poder ter con esta rehabilitación”.

A aprobación do expediente de contratación da dirección do proxecto e da obra de rehabilitación e ampliación de Santa Clara trátase, tal e como explicou o vicepresidente, Rafa Domínguez, a semana pasada, do inicio administrativo das obras para que o proxecto se execute o antes posible.  A partir deste momento ábrese un proceso de negociación entre a Deputación e Nieto Sobejano, no que se terán en conta, entre outras cuestións, o mellor prezo ofertado, a presentación dunha solución para a supresión do centro arqueolóxico, a proposta dun espazo de conexión, o respecto aos valores históricos e o acceso ao convento. Una vez rematado este proceso de negociación, a empresa deberá achegar o proxecto de execución da actuación para a reforma do convento.