Luisa Sánchez reivindica “o papel das salas de cine como dinamizadoras da cultura” na inauguración en Vigo da exposición “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”

A mostra, que poderá verse na sala Rosalía de Castro da sede da institución provincial ata o 10 de xaneiro de 2025, busca recuperar os recordos dos vellos cines e recupera testemuños da súa importancia social e cultural

02/12/2024

Inauguración da exposición Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusió en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, inaugurou hoxe na Sede de Vigo da institución provincial a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”,  que chega á cidade olívica despois de estar exposta en Pontevedra, Salvaterra, A Estrada e Sanxenxo ao longo dos últimos meses. Unha exposición coa que a Deputación reivindica “o papel das salas de cine como dinamizadoras da cultura”.

A mostra, promovida pola Deputación, comisariada por Jesús Ángel Sánchez e con fotografías de Xosé Castro,  busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata.

A vicepresidenta provincial lembrou algúns dos cines históricos da cidade, “unha das primeiras en desfrutar da novidade de proxeccións de cine no ano 1897 grazas ao Teatro Circo Tamberlick”, e da historia cinematográfica do século XX, “desde os antigos pavillóns ou cines da década dos anos 20 ata as salas das que aínda podemos desfrutar hoxe, como os Multicines Norte”. Sen esquecerse do Gran Cine Fraga, inaugurado en 1948, “e que desde a Deputación e a Xunta traballamos agora por recuperar, para que os vigueses poidan volver desfrutar da que no seu momento foi a sala con maior aforo das existentes en Galicia”.

Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.

A exposición “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”, poderá verse na sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra desde este luns, 2 de decembro, e ata o vindeiro 10 de xaneiro, de luns a venres de 9:00 a 20:30 horas (excepto festivos e 24 e 31 de decembro). Despois, e ao longo de todo o 2025, está previsto que continúe a súa viaxe polos concellos da provincia.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.