A Deputación mantén aberta a exposición “Cines de Pontevedra” en Sanxenxo ata o próximo domingo
A exposición pode visitarse na Sala Nauta co obxectivo de recuperar a ilusión e a memoria das antigas salas da sétima arte na provincia
10/11/2024
A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra "Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión" ultima a súa estancia en Sanxenxo. A exposición pode verse na Sala Nauta ata o próximo domingo, 17 de novembro, co obxectivo de recuperar os recordos dos vellos cinemas, aqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia.
"Cines de Pontevedra" recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cinema subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.
Despois do seu paso por Sanxenxo, a exposición ten previsto continuar o seu percorrido polos concellos da provincia, con parada, antes de rematar o ano, na Sede de Vigo da Deputación. Antes tamén pasou polo Pazo provincial e polos concellos de Salvaterra de Miño e A Estrada.