A Deputación leva este venres o circuíto +Escénicas ata Moaña con “Os contos de Violeta”, de Bea Campos

A peza teatral, para maiores de tres anos, poderá verse ás 18:00 horas no Centro Sociocultural Rosalía de Castro de Domaio

12/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este venres 15 de novembro o circuíto +Escénicas ata Moaña. A peza teatral "Os contos de Violeta" de Bea Campos poderá verse ás 18:00 horas no Centro Sociocultural Rosalía de Castro de Domaio. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

"Os contos de Violeta", pensado para un público de máis de tres anos, é un espectáculo de contos con música que xira arredor de Violeta, unha pequena á que lle encantan as historias onde os nenos e as nenas poden facer as mesmas cousas, e leva sempre unha maleta na que garda os seus libros favoritos para compartir con todos. Nesta proposta de teatro, contos e música os cativos atoparán aventuras que rompen os estereotipos e os roles asignados tradicionalmente aos nenos e as nenas. Música, cancións e expresión dramática nesta divertida proposta a cargo de Bea Campos e coa música de Jonathan Caramés.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.