A Deputación continúa a próxima semana na illa da Toxa e en Mondariz-Balneario coas rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra

Tralo percorrido pola illa da Toxa e Mondariz-Balneario, o programa pecharase o 30 de xullo cun itinerario pola cidade de Vigo

21/07/2024

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana coas rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO) con percorridos pola illa da Toxa, o 23 de xullo, e por Mondariz-Balneario, o 25 de xullo. Tras estas dúas rutas e as xa celebradas  por Nigrán e Baiona e Tui, o programa pecharase o 30 de xullo cun itinerario pola cidade de Vigo.

A visita pola illa da Toxa permitirá coñecer a historia desta famosa illa termal, así como os principais personaxes históricos (marqués de Riestra, Daniel Vázquez-Gulías, Antonio Casares...) que axudarán a entender a relación e a importancia que tivo este espazo ao longo do tempo no desenvolvemento do municipio. Durante o percorrido visitaranse os seus principais recursos turísticos, as súas edificacións, así como a contorna natural e daranse a coñecer os seus oficios, a súa idiosincrasia e aspectos da cultura mariñeira.

O xoves 25 de xullo terá lugar o percorrido por Mondariz-Balneario onde, partindo desde a fonte de Troncoso, proxectada polo arquitecto porriñés Antonio Palacios, proseguirase polo paseo para ver os Pasos de Nota, as poldras que permiten cruzar o río Tea ata o antigo barrio do Outeiro, e o núcleo primixenio do concello, que acolle boas mostras de arquitectura tradicional galega. A continuación, visitarase o exterior da Quinta do Outón, continuando ata a praza de abastos da vila para rematar no Balneario de Mondariz.

Todas as rutas darán comezo ás 10:30 horas, terán unha duración aproximada dunha hora e media e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de arranque establecido polos seus propios medios.

Enlaces de interés