A Deputación organiza este luns unha conferencia de Gervasio Sánchez no marco do ciclo “Conversas con arte”
A conferencia do fotoxornalista terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez, e tamén poderá seguirse por streaming a través de www.depo.gal
23/11/2024
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo luns 25 de novembro unha nova conferencia de “Conversas con arte” na que participará o premiado fotoxornalista Gervasio Sánchez. O encontro terá lugar ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez. Deste xeito, Gervasio Sánchez toma a remuda de José María Barreiro, Antón Pulido e César Antonio Molina, protagonistas dos anteriores encontros do programa desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril.
“Conversas con arte” é unha aposta persoal de Domínguez que, a través do Museo de Pontevedra, quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia. Faino poñendo en valores grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos e que naceron ou teñen relación coa provincia. A conferencia de Gervasio Sánchez, que será un dos participantes na Bienal de Arte de Pontevedra do 2025, poderá seguirse por streaming a través do sitio web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal, e será gravada para poder emitirse posteriormente en formato vídeo e pódcast a través das plataformas YouTube e Spotify.
Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) é licenciado en Xornalismo e traballou como independente para diferentes medios (como a Cadena Ser, o servizo español da BBC ou El Heraldo de Aragón), especializándose en conflitos armados, ademais de ter publicado numerosos libros fotográficos. Durante a súa traxectoria foi enviado especial en numerosas guerras en América do Sur, na guerra do Golfo, así como noutros conflitos situados na antiga Iugoslavia ou nos continentes de África e Asia. Desde 2001 dirixe o Seminario de Fotografía e Xornalismo da Fundación Santa María de Albarracín, tamén é mestre da Fundación Gabo (Gabriel García Márquez), Membro de Honra da Universidade de Málaga e Presidente de Honor da Asociación Fotográfica Cordobesa (AFOCO).
Entre os seus numerosos premios salientan o Premio Nacional de Fotografía, a Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social, os de Mellor Xornalista do Ano da Asociación da Prensa de Aragón e Mellor Traballo Gráfico do Club Internacional de Prensa de Madrid pola súa cobertura da guerra de Bosnia, o Premio de Andalucía de Cultura na modalidade de Fotografía, o título de Enviado Especial da UNESCO pola Paz ou a Medalla ao Mérito Profesional do Goberno de Aragón.