A Deputación de Pontevedra convida a Antón Pulido a participar en “Conversas con arte”
A conferencia do artista terá lugar o próximo martes, 14 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez. Poderá seguirse por streaming a través de www.depo.gal
07/05/2024
A Deputación de Pontevedra convida a Antón Pulido a participar no seu ciclo de conferencias “Conversas con arte”. O encontro co artista terá lugar o próximo martes, 14 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial do organismo coa presenza do seu vicepresidente Rafa Domínguez. Pulido colle o testemuño de José María Barreiro que inaugurou o ciclo de conferencias “Conversas con arte” en abril.
“Conversas con arte” trátase dunha aposta persoal de Domínguez, quen a través do Museo de Pontevedra quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas con Pontevedra. Deste xeito, o ciclo que arrancou da man de José María Barreiro e converte agora en protagonista a Antón Pulido, continuará nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional con vínculo coa provincia. A conferencia de Antón Pulido poderá seguirse por streaming a través da páxina web da Deputación de Pontevedra www.depo.gal e, ademais, será gravada para poder emitirse en formato vídeo e pódcast a través das plataformas Youtube e Spotify.
Antón Pulido naceu en Amoeiro en 1944 e reside desde hai máis de catro décadas na cidade de Vigo. É licenciado en Belas Artes pola Escola Superior de San Jordi, na especialidade de pintura e gravado, e tense convertido nun dos pintores galegos de maior relevancia internacional. Na década dos 60 inicia o seu percorrido expresionista coa vontade de xerar un estilo propio e a partir dos 70 a pegada de Matisse faise evidente. Xa nos 80 transmite o seu estado anímico á paisaxe e nos 90 aposta pola xeometría espacial para ir avanzando cara temas emocionantes. Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos recoñecementos como o premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas ou o premio Trasalba a toda unha vida dedicada á arte.