Rafa Domínguez convida a facer “unha análise en profundidade sobre a irrupción da Intelixencia Artificial” no ciclo “Conversas con arte”

César Antonio Molina protagonizou este ciclo de conferencias que organiza a Deputación de Pontevedra, onde falou do seu último libro ¿Qué hacemos con los humanos?

24/10/2024

Conversas con arte - César Antonio Molina

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou no Salón de Plenos do Pazo provincial a terceira das conferencias do ciclo "Conversas con arte", que foi protagonizada polo escritor, filósofo e profesor César Antonio Molina. Rafa Domínguez subliñou que o obxectivo deste ciclo é "achegar á cidadanía as grandes figuras da cultura galega, apoiar, impulsar e promocionar o renacemento cultural que está a vivir Galicia e servir como tribuna de reflexión sobre cuestións de actualidade". Neste eido, o vicepresidente provincial animou a facer "unha análise en profundidade sobre a irrupción da Intelixencia Artificial" a partir da obra que presentou Molina no Pazo Provincial ¿Qué hacemos con los humanos?

"Conversas con arte" responde, ademais, a unha aposta persoal do vicepresidente provincial a través do Museo de Pontevedra para "seguir avanzando no posicionamento da provincia como lugar cultural por excelencia. E nada mellor que avanzar neste camiño coa reflexión, co debate, coa análise desde o humanismo de cuestións que afectan á sociedade actual" subliñou Domínguez antes de dar paso á conferencia de Cesar Antonio Molina, "un dos escritores máis prolíficos desta terra,  con máis de medio centenar de libros e profundas reflexións sobre a humanidade".

"Conversas con arte" arrancou o pasado mes de abril cunha conferencia a cargo de José María Barreiro á que seguiu unha segunda en maio con Antón Pulido. O obxectivo deste ciclo é difundir as diferentes manifestacións artísticas e culturais de Galicia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos galegos ou nadas na nosa comunidade. Deste xeito, a conferencia de César Antonio Molina estará a disposición das persoas interesadas en formato vídeo e pódcst nas plataformas YouTube e Spotify.

César Antonio Molina

O escritor, tradutor e profesor César Antonio Molina (A Coruña, 1952) é licenciado en Dereito e en Ciencias da Información, así como doutor en Literatura. Foi profesor de Teoría e Crítica Literaria na Universidade Complutense e de Humanidades na Universidade Carlos III. Tamén foi profesor convidado en varias universidades americanas e europeas, e é Doutor Honoris Causa pola Universidade La Oriental de Nápoles. Comezou como xornalista en La Voz de Galicia, exerceu como director adxunto do Diario 16, e escribe en numerosos medios de comunicación de tirada nacional. Dirixiu o Círculo de Belas Artes de Madrid, o Instituto Cervantes, a Casa do Lector e foi ministro de Cultura.  É autor de máis de medio centenar de libros e ten, ademais, as máis altas condecoracións de España, Francia, Italia, Portugal, Serbia e Chile, así como a medalla Castelao de Galicia.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.