A Deputación revisa a historia das Ruínas de San Domingos e o seu vínculo coa cidade de Pontevedra nun novo libro
A investigadora Begoña Fernández Rodríguez asina este estudo realizado a partir da abondosa documentación que conserva o Museo de Pontevedra. Preséntase o mércores 30 ás 19:00 h no Edificio Castelao
28/10/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a través do Museo de Pontevedra o libro ‘San Domingos de Pontevedra. Fortuna patrimonial e memoria urbana dunha ruína’. A partir do estudo da abondosa documentación, fotografías, debuxos e planos que conserva o Museo, Begoña Fernández Rodríguez reconstrúe a historia do convento dominico e o vínculo que a cidade estableceu coas súas ruínas. Preséntase este mércores, 30 de outubro, ás 19:00 h no Edificio Castelao.
Nas súas 400 páxinas, o libro fai un percorrido pola historia de San Domingos desde o século XII, primeiro pola súa época de esplendor como convento dominico, con diferentes etapas construtivas, e despois polo declive iniciado co seu abandono no XIX e o esforzo de boa parte da sociedade pontevedresa por evitar a súa desaparición definitiva, ata formar parte do Museo de Pontevedra e ser un espazo icónico da cidade. O libro tamén se detén nos valores artísticos e na iconografía do edificio, así como na rica escultura funeraria que se atopa nel. Complétase cun prolixo anexo documental, ao que hai que engadir o destacado apartado gráfico: planos, debuxos, fotografías actuais e históricas, algunhas delas inéditas.
A autora salienta que a publicación baséase na extensa documentación conservada no Museo, que ofrece información de grande interese sobre a evolución do monumento e do seu proceso de abandono, risco de desaparición, reivindicación, recuperación e consolidación. As fontes documentais empregadas e recollidas no libro arrancan co ‘Tumbillo de Santo Domingo’ (1283-1721) e inclúen actas, informes, planos, proxectos e outros escritos datados entre 1804 e 1961, xunto a abundante bibliografía.
“Creo que poñer en valor os fondos documentais, fotográficos e planimétricos do Museo de Pontevedra é un dos principais méritos deste traballo”, sinala a autora, que engade que co libro pretendeu “establecer a vinculación da comunidade con San Domingos, resaltar a importancia que sempre tivo para a cidade”.
O libro dedica un capítulo á historia do convento desde o establecemento dos dominicos no século XIII ata o seu abandono a principios do XIX. Aí arranca outro capítulo dedicado ao seu esplendor como ruína: a clausura do convento, os diferentes usos que tivo, os intentos de derrubamento por parte do Concello e as iniciativas para conservar as ruínas de parte da cidadanía, organizada arredor da Sociedad Arqueológica de Pontevedra. Outros dous capítulos céntranse nos seus valores artísticos: por unha banda, a arquitectura gótica que se conserva en pé; por outra, a análise das figuras presentes nos seus capiteis e da escultura funeraria que se atopa en San Domingos, como lugar de enterramento que foi. Completan a publicación un capítulo de conclusións e un anexo documental.
A autora do libro, Begoña Fernández Rodríguez, é doutora en Historia da Arte e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos as súas investigacións centráronse no eido do patrimonio cultural, no que desenvolveu diversos traballos de posta en valor de monumentos e conxuntos históricos ou espazos monásticos, reflectidos en publicacións científicas como a que nos ocupa.