O ciclo de cine infantil no Museo programa O Apóstolo o xoves 28 e Engurras o venres 29

Os dous filmes, dirixidos a maiores de sete anos, poderán verse no auditorio do Edificio Castelao, ás 18 horas

27/12/2023

Fotograma Engurras

O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar continúa esta semana no Museo con dúas novas proxeccións: o xoves 28 poderase ver O Apóstolo e o venres 29 será a quenda de Engurras. Ambas proxeccións están dirixidas a maiores de sete anos e terán lugar no auditorio do Edificio Castelao, ás 18 horas. O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de catro prazas por reserva.

O xoves proxéctase O Apóstolo, un filme galego de animación stop motion dirixido por Fernando Cortizo no ano 2012. Conta a historia dun preso que foxe do cárcere na procura dun tesouro agochado nunha aldea situada no Camiño de Santiago. Pero para atopalo terá que enfrontarse a misterios, desaparicións, espíritos e personaxes estraños, nunha peculiar historia de terror, humor e fantasía.

Unha das peculiaridades do filme é que as e os personaxes están moldeados cos trazos físicos dos actores e actrices que lles poñen voz. Así, as e os protagonistas son intérpretes tan coñecidos como Carlos Blanco, Luis Tosar, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Manuel Manquiña, Isabel Blanco ou Celso Bugallo. O filme foi premiado en festivais de Francia e Brasil, ademais de ser candidato ao mellor filme de animación nos Premios Goya e obter seis galardóns nos Premios Mestre Mateo.

O venres proxéctase Engurras, unha produción galega de 2011, con dirección de Ignacio Ferreras, na que se adapta o recoñecido cómic de Paco Roca, un dos maiores éxitos da banda deseñada española nas últimas décadas. Engurras ten como protagonistas a Emilio e a Miguel, dous anciáns que se fan amigos nun centro de xeriatría no que se atopan recluídos. Emilio, padece un principio de alzheimer, polo que corre o risco de ser derivado ao andar dos eivados, algo que Miguel e outros compañeiros tratan de evitar a toda costa cun plan disparatado que enche de humor e tenrura o monótono día a día da residencia.

Engurras estreouse no Festival de Cine de San Sebastián. Obtivo dous Premios Goya, o de mellor filme de animación e o de mellor guión adaptado. Tamén logrou cinco Premios Mestre Mateo. Ademais, foi finalista como mellor película animada nos Premios Annie.

Continúa a programación de Nadal

A programación de Nadal no Museo continúa coa realización esta semana e a próxima do obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, dirixido a nenas e nenos de 6 a 10 anos e xa coas prazas completas. Por outra banda, este sábado ás 19 horas, o Edificio Castelao acolle o concerto de Nadal do coro Luis García Limeses.

A próxima semana péchase o ciclo de cinema infantil con dúas novas citas: o xoves 4 de xaneiro proxectarase Meigallos, dirixida en 2015 por Virginia Curiá, e o venres 5 de xaneiro, Valentina, dirixida por Chelo. Tamén será a última semana para visitar no claustro do Edificio Sarmiento a exposición “Mar e a pantasma das treboadas”, coas ilustracións de Xavier Magalhães para o libro infantil do mesmo título editado polo Museo.