A Deputación organiza nos próximos días cinco saídas ao abeiro de “+Convivencia” coa participación de preto de 400 persoas

Os participantes, pertencentes a cinco entidades diferentes, coñecerán lugares da comarca do Morrazo, Tomiño, as Illas Cíes, a cidade de Pontevedra ou o río Tea

20/06/2024

Preto de 400 persoas de cinco entidades diferentes da provincia poderán desfrutar nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátase de asociacións de cinco concellos (Pontevedra, Vila de Cruces, Nigrán, Crecente e Vigo) que descubrirán lugares da comarca do Morrazo, as Illas Cíes, a cidade de Pontevedra, o río Tea ou a unha granxa escola en Tomiño.

As saídas arrancarán este sábado, 22 de xuño, cando 177 persoas da ANPA Bolboreta do CEIP de Cabanas de Pontevedra poderán desfrutar dunha excursión ás Illas Cíes. Ese mesmo día, 55 usuarios do Centro Cultural Bolos da Carrasca, de Nigrán, terán a oportunidade de facer unha visita á cidade de Pontevedra. Xa o domingo, 23 de xuño, será a quenda de 59 persoas da Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño, de Vila de Cruces, que desfrutarán da súa “Multiaventura de Garatuzas no Morrazo”, con visitas á Granxa de Briz, ao lago Castiñeiras e ao Ecoparque de Marín.

O martes 25 de xuño será a quenda das dúas últimas asociacións. Neste caso, 34 usuarias da Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey Esclavas de la Virgen Dolorosa, en Crecente, farán unha visita grupal á granxa escola musical “Corazón de Carballo”, en Tomiño, e 55 persoas da Asociación Párkinson de Vigo desfrutarán dunha excursión ao ría Tea.

O programa provincial “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. O programa provincial oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.