A Deputación ofrece este mércores unha mesa redonda sobre o papel das mulleres científicas no século XXI dentro do ciclo Ciencia en Feminino
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá a este encontro en liña, no que participan María Tubío Fungueiriño, María José Ginzo e Cintia Folgueirana e que se enmarca na programación de actividades da Deputación co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña Malabares ata cando?
11/03/2025
A Deputación de Pontevedra ofrece este mércores 12 de marzo o segundo dos encontros do ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, realizará a presentación desta mesa redonda, conducida pola xornalista de GCiencia Gloria Montenegro e que leva por título “Ser científica no século XXI. O avanzado e o que queda por avanzar”. María Tubío Fungueiriño, doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica e investigadora no Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela; María José Ginzo, doutora en estatística que traballa actualmente no Centro de Investigación en Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), e Cintia Folgueira, doutora en Endocrinoloxía e Nutrición do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC), sentáranse para abordar os avances que se fixeron en materia de igualdade na ciencia do século XXI.O encontro estará conducido pola xornalista Laura Filloy, poderase seguir en directo a través da canle de GCiencia en YouTube e tamén estará dispoñible a partir do día seguinte, o xoves 13, en formato pódcast.
O ciclo Ciencia en feminino continuará os mércores deste mes coa entrevista á economista e catedrática da USC María Loureiro, o día 19, e a mesa redonda “Máis alá de Marie Curie. Como romper cos estereotipos da científica?”, o mércores 26. Trátase dunha das actividades integradas en Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.