A Deputación pon o foco nos “malabares” que teñen que facer as mulleres para conciliar a vida familiar e laboral na conmemoración do 8M, o Día Internacional da Muller
A presidenta e xogadora do Poio Pescamar, Olalla Folla e Candela Soria, foron as encargadas de ler o manifesto para esixir unha igualdade real entre mulleres e homes nun acto no que Alba Troiteiro e Macarena Montesinos puxeron a nota artística
07/03/2025
A Deputación de Pontevedra conmemorou este venres o Día Internacional da Muller cun acto no vestíbulo do Pazo provincial para denunciar os “malabares” que teñen que facer a diario as mulleres para compatibilizar a súa vida persoal e familiar coa laboral, así como para poñer o foco en que as tarefas dos coidados seguen a recaer principalmente nas mulleres. A deputada de igualdade, Sandra Bastos, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes a un acto, entre os que estaba o presidente Luis López, membros do goberno provincial, da corporación e do tecido social da provincia, así como traballadoras da Deputación e veciñas da provincia. A continuación procedeuse á lectura do manifesto desta xornada do 8M correu a cargo de Olalla Folla e Candela Soria, presidenta e xogadoras do Poio Pescamar, un club de referencia no fútbol sala feminino a nivel nacional. O día redondeouse coa intervención artística das pontevedresas Alba Troiteiro e Macarena Montesinos.
“Todas temos ao noso carón mulleres que son espellos nos que mirarnos, exemplos a seguir e fontes de inspiración que nos dan a forza que precisamos para conseguir de xeito real e efectivo os dereitos que merecemos. A Deputación é e seguirá sendo un socio leal neste camiño cara a igualdade plena e real entre mulleres e homes e na loita contra a violencia machista”, remarcou a deputada, que puxo en valor o labor a prol da igualdade das integrantes do Poio Pescamar, da violonchelista Macarena Montesinos, da creadora artística Alba Troiteiro e das mulleres do goberno provincial que dirixen áreas como Infraestruturas, Cooperación, Deportes ou Igualdade.
Unha intervención que serviu tamén para alzar a voz contra a violencia de xénero e denunciar unha lacra que acabou coa vida de 47 mulleres e nove menores no ano 2024, así como para facer un chamamento á igualdade para conseguir o obxectivo dunha xornada que “só deixará de ser necesaria cando non queden nesta sociedade episodios de violencia, prexuízos ou inxustizas”.
Olalla Folla e Candela Soria puxeron voz ao manifesto da toda a provincia. Un comunicado no que se puxo de manifesto que aínda queda un longo percorrido para acadar unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres e a través do cal se reclamaron políticas útiles que garantan a equidade na vida diaria. “Aínda que quede moito camiño por percorrer, podemos mirar atrás e estar orgullosas de todo o andado grazas á incansable loita, valentía e unión das mulleres que facilitaron o traxecto para as futuras xeracións. A igualdade é responsabilidade de todas e todos. Non será doado, pero pagará a pena ver que, coa unión de todas as nosas voces e cun obxectivo común, conseguiremos chegar ao noso destino”, clamaron Olalla e Candela nun discurso tan reivindicativo como esperanzador.
A música do violonchelo de Macarena Montesinos e a danza de Alba Troiteiro puxo o punto e final ao acto de conmemoración do Día Internacional da Muller. Un acto do que o presidente provincial explicara, nunha rolda de prensa previa, que a Deputación tiña en marcha ademais desta xornada un programa con máis de vinte actividades. Todas encamiñadas a conseguir que “as mulleres non teñan que facer malabares, precisamente, para conciliar a vida laboral, familiar e persoal. Queremos que rematen para lograr unha sociedade equilibrada”, afirmou Luis López.
Galerias de imagenes
audios
Declaracións da deputada de Igualdade Sandra Bastos
Manifesto 8M. Poio Pescamar