A Deputación recibe este domingo 140 cativos de 28 concellos da provincia nos campamentos da Lanzada

Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas

24/08/2024

Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán na súa décima quenda a partir deste domingo, 25 de agosto, un total de 140 nenos e nenas de 28 concellos da provincia. Ao longo de seis días, ata o sábado 31 de agosto, os cativos poderán gozar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Coa seguinte quenda, que será a última do programa deste ano, terán pasado polo campamento un total de 1.540 menores de 57 concellos da provincia.

Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións da Deputación en San Vicente do Grove, todos eles nados entre os anos 2011 e 2016, proceden dos seguintes concellos: Agolada (1), Baiona (3), Bueu (1), Cangas do Morrazo (3), Catoira (1), Cuntis (1), A Guarda (1), A Illa de Arousa (4), Marín (2), Meis (1), Moaña (1), Mondariz (2), Mos (1), Nigrán (1), Pazos de Borbén (1), Poio (1), Ponteareas (4), Pontevedra (13), O Porriño (3), Redondela (4), Ribadumia (1), O Rosal (4), Salceda de Caselas (7), Tomiño (1), Tui (3), Vigo (70), Vilagarcía de Arousa (4) e Vilanova de Arousa (1).

Os nenos e nenas do campamento gozarán dun amplo programa de actividades de multiaventura e tempo libre, algunhas delas en lingua inglesa, entre as que se atopan xogos e deportes, actividades na praia ou ao aire libre relacionadas co medio natural, así como artísticas e nocturnas. Tamén teatro, contacontos, baile ou actividades culturais. Ademais, realizarán un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial durante o próximo ano, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.